viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

Xabier Cordal: "Esta é a xeración que máis le da historia; a maioría le mensaxes no móbil"

Xabier Cordal. SABELA CORDAL
Xabier Cordal. SABELA CORDAL

Dende hai dúas décadas é unha cara coñecida en Castro de Ribeiras de Lea, onde leva letras a diario para ensinar Lingua e Literatura Galega. Pero espállaas moito máis lonxe. O escritor acaba de publicar dous novos libros

Natural da Coruña pero asentado no Corgo dende hai moitos anos, o escribor Xabier Cordal mantén as raíces en Montealto, onde naceu, pero leva as letras a Castro de Ribeiras de Lea a diario, onde ensina dende hai dúas décadas Lingua e Literatura Galega. 

Despide 2018 cun novo libro e dá a benvida a 2019 con outro tras anos sen publicar. Que pasou?

Xa transmuta saíra en 2012, tras once anos sen publicar. Ese periodo foi de moito traballo na prensa, no blog...

Resistencia da auga, editado por Chan de Pólvora, continúa a súa liña poética. Que destacaría?

Só podo dicir que Manolo Martínez, deseñador, e Antón Lopo, editor, fixeron un traballo co que me sinto feliz e identificado. Máis feliz aínda cando opina o mesmo a xente que o ten entre as mans. Se gustase o contido a festa xa sería completa.

Relatos para televisión, de Xerais, é unha aposta pola modernidade, case un Black mirror literario con invasión alieníxena, un vampiro que compra compulsivamente, organismos biocibernéticos ou sinistros emprendedores.

Ao imaxinar o que está por vir nunca podemos evitar o retrato do presente, así que o libro contén moitos tempos, quen sabe... Vivimos unha época rápida e escura.

A literatura ten que facer pensar, non só entreter ou divertir? 

A literatura é coma a familia real, pode facer o que lle dea a gana (risas). Cada un dos ‘Relatos para televisión’ convida a unha viaxe diferente. A verdade é que a maioría dos contos (algún saíu hai anos na prensa) naceu antes desta última explosión de series, magníficas. Os que pasamos dos 50 criámonos coa tele igual que a rapazada de agora cos videoxogos. En cambio os avós seguen sendo coma os dos anos setenta: prenden o aparato e mírano coa máxima atención.

Dixo nunha entrevista que ben podería ser o primeiro libro en galego escrito a partir dunha app. Calquera orde de lectura é correcta?

Calquera. 

Cal é o reto da literatura galega? Como se gañan lectores?

Unha pregunta difícil. Máis fácil, desde logo, sería pedir á Xunta que explique a súa hostilidade cara ás industrias culturais. O teatro galego prémiase máis en Madrid ca aquí, a nosa narrativa foi recoñecida no suplemento cultural de Le Monde. E a poesía acaba de entrar pola porta grande da Universidade de Harvard.  
E cal é o reto na aula? Os alumnos aprecian a literatura ou as novas tecnoloxías afástanos das páxinas tradicionais?

Esta é a xeración que máis le da historia. A maioría le mensaxes no móbil. Despois unha minoría le outros textos que ao meu xuízo acaban dando moito máis pracer e información. As bibliotecas escolares están cheas de profesorado heroico, tan heroico coma o alumnado que se empeña en ler libros.

Que ten de especial A Chaira? Por que saen tantas plumas e letras?

Xabier Docampo, benquerido e chorado amigo, aseguraba co seu inesquecible humor que é todo culpa dun tipo de pataca, a pataca longa.

De Castro destacaría...

Tiven e teño un alumnado simplemente excepcional. 

E con quen se quedaría dos chairegos escritores? Por que?

Sempre irá comigo o día en que Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura. O Goberno pretendía branquear a súa nefasta política lingüística co rostro dun dos grandes autores do país, pero Agustín respondeu en 2010 cun xesto supremo de dignidade.

Acumula varios premios, tamén da crítica. Dá máis azos o seu recoñecemento ou un débese ao público?

Dar vivido da literatura sería o mellor recoñecemento.

E o soño por cumprir?

Ser escritor. 

É máis de poesía ou de narrativa? 

A Ilíada, medio Shakespeare, o mellor Cunqueiro... son poemas e ademais contan unha historia.

Nas súas colaboracións ten moito de reivindicativo. Escribiu contra a marea negra, a violencia de xénero ou a mina de Corcoesto. Cal é o tema máis preocupante agora? Contra que berraría?

Lembro un episodio dos Simpson no que o Homer se dirixe berrando ás masas: "Amigos! A humanidade leva extinguido nunhas décadas case a metade de todas as especies. Veña! Podemos facelo mellor!". 

Existen as musas? 

Escriben a mellor literatura desta época e son feministas.

Foi letrista de Luar na Lubre, é máis difícil escribir para ser cantado ou lido?

O letrista ás veces ten a sorte de ver en directo como recibe a xente o seu esforzo.

Cal é a súa favorita?

Memoria da noite, grazas á preciosa melodía de Luar na Lubre, suma case dous millóns de visitas na rede. É unha gran nova para un texto en galego.

Despidámonos cun libro. 

O amante, de Marguerite Duras. 

Xabier Cordal: "Esta é a xeración que máis le da historia; a...
Comentarios