Os xabaríns danan o campo de fútbol de Momán pero non impiden o xogo

Os animais desfixeron unha parte do terreo, que xa foi reparado por operarios municipais, de maneira que este sábado o Cazás puido disputar o seu encontro fronte ao Cervo

Estado do campo de Momán
photo_camera Estado do campo de Momán. TWITTER (@SDCazas)

Os xabaríns parecen terlle collido o gusto a visitar os campos de fútbol de Xermade e, se hai unhas semanas deixaban impracticable o terreo de xogo de Cazás, estes días tocoulle precisamente ás instalacións ás que o equipo desta parroquia recorreu para poder manterse na competición de Terceira Autonómica, o campo da Veiga de Momán.

Os animais danaron unha parte do terreo, que xa foi reparado por operarios municipais, de maneira que este sábado o Cazás puido disputar o seu encontro fronte ao Cervo e este domingo xogarán os veteranos do Momán fronte ao Saavedra.

Dende o equipo de Momán esperan que o terreo de xogo aguante e confían en que "o xabarín non volva". Ademais, xa están a estudar a posibilidade de habilitar un peche perimetral para tratar de evitar futuras incursións.

 

Comentarios