O X Festival de Cine de Roca contará con catro días de actos, do 6 ao 9 de xullo

Anxo Moure pregoará unha cita que se desenvolverá na Habanera e en Galicia Rural, cun roteiro, música, debates e o concurso de curtas
photo_camera Imaxe dunha edición pasada do Festival de Cine de Roca. AEP

Co gallo do seu décimo aniversario, o Festival de Cine de Música de Roca amplia e diversifica a súa programación, que se prolongará durante catro días, do 6 ao 9 de xullo, con actos nas instalacións de Galicia Rural, na parroquia que lle dá nome ao festival, e tamén na Casa Habanera.

Será precisamente neste local guitiricense onde se inaugure, o xoves 6 ás 20.30 horas, a cita que organiza a asociación cultural Xermolos coa colaboración de Galicia Rural, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo. A continuación presentarase o libro disco Fuliada na vila, coa presenza de Richi Casás e Branca Villares, e para pechar a primeira xornada proxectarase o documental musical Dorothè na vila, de Alexandra Gándara e Olaia Tubío.

A eira de Galicia Rural, na aldea das Lamas de Roca, acollerá as dúas proxeccións previstas para o venres 7: Cuerdas, de Estíbaliz Urresola, e Eterna, de Juanma Sayalonga e David Sainz.

O sábado chegará unha das grandes novidades do festival, cun percorrido pola Ruta do Río Requeixo, con saída ás 10.30 horas dende a escola de Roca e guiado pola bióloga botánica Cristina Rodríguez e polo zoólogo de Adega Roi Cuba.

De volta á eira, ás 13.30, Anxo Moure pronunciará o pregón e Caivanca amenizará a sesión vermú, para dar paso, ao redor das 16.00 horas, aos xogos tradicionais no galiñeiro de Galicia Rural. Ás 18.30, na palleira, poderase ver Gravacións do Entroido de Roca, de Suso Pena, e despois, na eira, haberá un contacontos coa Cinecleta e unha mesa redonda con Sofía Naseiro, de Kinocube, e Fran Bermúdez, da Lobeira, sobre proxectos de crítica e de difusión cinematográfica.

O concerto de Peitoescuro, ás 21.00 horas, dará paso á proxección das finalistas do concurso de curtas de cine de música, que se someterán ao ditame do público presente para facerse cos 100 euros de premio en cada categoría e o trofeo artesanal deseñado por un artesán local. Á medianoite entreanse os galardóns e péchase a xornada con Leria e DJ Misa.

O día 9, os actos comezarán ás 12.30, con Xosé M. Moreno presentando un vídeo didáctico sobre os Irmandiños. Os do Campo tocarán na vermú, volverán os xogos tradicionais e, a partir das 18.00 horas, o festival clausurarase coa proxección de seis curtas creadas polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz: Así se creou o festival de Pardiñas, Algo pasa en GuitirizOs camiños esquencidos, Pardiñas no tempo, Guitiriz 2050 e Días contados.

Dez finalistas entre 60 obras
O concurso de curtas de Roca recibiu unhas 60 obras chegadas dende puntos tan dispares como Francia, Rusia, Turquía ou Latinoamérica, das que se seleccionaron dez finalistas.

Non galegas
Compiten seis: Fortíssimo, En tu vestido, Versos para rumiantes, Lobo, Donde irán e Pintar una guitarra.

Galegas
Son catro: A baqueira do Miño, Antes de que se poña o sol, El último de Arganeo e A marquesiña.

Comentarios