'Welcome to ma maison’ compite no Festival Internacional de Cine de Gijón

A premier mundial do segundo filme do director meirego Andrés Goteira será o 21 na sección oficial Tierres en Tranc
Igor Fernández, en 'Welcome to ma maison'. EP
photo_camera Igor Fernández, en 'Welcome to ma maison'. EP

A nova película do director meirego Andrés Goteira, Welcome to ma maison, compite no prestixioso Festival Internacional de Cine de Gijón, onde terá a súa estrea mundial o domingo 21 de novembro, dentro da sección oficial Tierres en Trance.

O filme está protagonizado polo actor lucense Igor Fernández e é un documental experimental construído con "imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros". "Un falso documental, rodado a modo de making off, onde todo o que se nos mostra é 100% real", indican desde Gaitafilmes, productora da peza que é "unha viaxe cara a Nicolas Winding Refn que, ao non atopar o seu rumbo, camiña cara ao interior do seu protagonista».

A cinta rodouse en galego, castelán e inglés e foi producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e conta coa subvención de Agadic e da Deputación de Lugo, ademais da participación da TVG e da colaboración do Concello de Meira e de Gadis.

Na súa primeira experiencia como director, Andrés Goteira sorprendeu a todo o mundo con Dhogs en 2017, unha película de autor galardoada en festivais de todo o mundo e a máis premiada da historia do audiovisual galego con trece premios Mestre Mateo. No seu segundo filme, Goteira sumérxese no documental achegando a súa propia visión ao xénero. "Nunca pensei facer un documental pero, tras o éxito de Dhogs, soñaba cunha segunda viaxe chea de cinema, de verdade e de sentimentos reais", recoñece.

Comentarios