Arranca en Guitiriz unha nova edición do campo de voluntariado polo ben común

Cinco mozas de Galicia, do País Vasco e de Andalucía participan nun campo de traballo en Guitiriz. Unha das súas tarefas é a colaboración coa organización do Festival de Pardiñas
undefined
photo_camera Voluntarias e monitores realizando traballos de mantemento no Campo da Feira de Guitiriz. T- FORJA

Van xa tres edicións do campo de voluntariado de Guitiriz e, tras a parada do ano pasado, este verán a vila volve acoller a mozos chegados de distintas partes do país dispostos a axudar e traballar polo ben do municipio. Cinco rapazas -tres galegas, unha vasca e unha andaluza-, comezaron o pasado venres esta nova convocatoria, que está enfocada á cultura e ao medioambiente.

O campo de voluntariado está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta, en colaboración co Concello de Guitiriz, e todas as actividades que se realizan na vila foron consensuadas entre ambas administracións.

Nas primeiras xornadas as voluntarias realizaron tarefas de mantemento dunha varanda de madeira na Casa Habanera e tamén repintaron as sinais da Ruta da Pedra de Díaz Castro, a PR-G 185. Ademais, dende onte e durante este venres as mozas e os monitores están traballando no Campo da Feira de Guitiriz, onde están limpando e aplicando aceite de liño ao entramado de madeira que soporta a marquesiña. Labor que agradecerán os veciños e especialmente os vendedores que se colocan alí o día do mercado.

Outro dos principais atractivos do campo de traballo e a colaboración dos voluntarios nas tarefas de loxística do Festival de Pardiñas, que comeza este venres. "Poñerémonos ao servizo dos voluntarios locais para colaborar no que precisen", explicaba Manuel Allegue, director do campo de traballo, quen sinalaba ademais que "o que nos interesa é que voluntarios nacionais e autonómicos interactúen e colaboren co voluntariado local, é unha das premisas principais deste tipo de iniciativas".

Mais como non todo ía ser traballar. As voluntarias tamén teñen a oportunidade de coñecer e de gozar doutros lugares da zona. "Nestes días fomos á serra da Capelada, ao Castro de Viladonga, ao Museo de Historia Natural de Ferrol. Tamén fixeron kayak e o luns iremos á cidade de Lugo", explicaba Allegue.

A pandemia obrigou a limitar a procedencia dos voluntarios, que noutras edicións chegaban tanto de dentro como de fóra de España, mais pola situación este ano limitouse a participación ao ámbito nacional. Mostra disto son as voluntarias deste campo, cinco mozas, das que tres proveñen de distintas zonas de Galicia e dúas de fóra, concretamente de Andalucía e do País Vasco.

Ademais de colaborar con Pardiñas, realizaron tarefas de mantemento no Campo da Feira. na Ruta da Pedra e na Casa Habanera 

June Amorrortu estreouse nos voluntarios en Guitiriz, ten 18 anos e provén do País Vasco. "Mi hermano ya había ido a campos de voluntariado de este tipo y me lo recomendó", explicaba June, que se decidiu por Guitiriz polo tipo de campo e pola localización, xa que nunca estivera en Galicia. "El ambiente es muy bueno, tanto con los compañeros como con los monitores, y lo que más me gustó fueron los trabajos de repintado de la ruta, ya que a la vez que trabajábamos podíamos disfrutar del paisaje", explicou a moza, á que xa lle quedan ganas de repetir experiencia.

Dunha debutante a outra que xa é unha experta neste tipo de iniciativas, Claudia Pérez, que viaxou dende Vigo para sumarse a este voluntariado xa que, aínda que participara noutros, nunca estivera nun de corte ambiental. "Coñecía Pardiñas pero nunca estivera, polo que teño ganas de vivir este festival adaptado ao covid e axudar nel", explicaba a moza, que facía fincapé na importancia de darlle valor á cultura e tamén aos voluntariados desta índole que traballan polo ben común.

As voluntarias estarán na vila ata o martes, cando rematarán esta experiencia na que todas quedan con ganas de repetir.

Comentarios