sábado. 06.03.2021 |
El tiempo
sábado. 06.03.2021
El tiempo

Voluntariado animal

Romina Lamas e Míriam Muñoz, de Sen Malas Pulgas, na aldea etnográfica de Muras. EP
Romina Lamas e Míriam Muñoz, de Sen Malas Pulgas, na aldea etnográfica de Muras. EP

Sen Malas Pulgas acaba de nacer en Muras para difundir e atopar un fogar para os cans que aparecen abandonados no concello

Romina Lamas, Míriam Martínez e Cristina Chao son as creadoras de Sen Malas Pulgas, un grupo  sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de difundir e atopar un fogar para os animais que  aparecen perdidos no concello, principalmente cans.

"Non somos unha protectora, simplemente difundimos e coidamos", especifican as impulsoras deste proxecto, que dende a casa ou a distancia traballan como voluntarias para dar unha boa vida aos animais que van sendo atopados.

"O noso Concello ocúpase da recollida e a manutención, así como dos gastos veterinarios, por iso non ten sentido unha protectora", especifican as voluntarias,que aseguran que non existía un  problema económico nin de infraestruturas, pero si de visibilización. "Hai uns caniles preto da aldea etnográfica e hai persoal do Concello que atende os cans. O problema que detectamos é que ninguén sabían que estaban alí, polo que era moi difícil fomentar a adopción ou atopar os  donos, xa que podían ser animais de concellos limítrofes", engaden.

O grupo está formado por Romina Lamas, Míriam  Martínez e Cristina Chao, ás que prestan axuda tres veciños máis

Falaron co Concello e para abrir unha fiestra a outros lugares puxeron en marcha unha páxina de Facebook hai un mes. A maiores da difusión, ademais, pediron permiso para pasear os animais,  para que teñan máis tempo fóra da canceira.

"Agora temos tres voluntarios e hai outra persoa xa interesada e eles axúdannos a pasealos. Temos chave das canceiras e imos tres veces á semana", explica Romina,que indica que cando non van eles vai persoal do Concello.

Ela é a que leva unha maior carga no día a día do grupo. Míriam, que vive na Coruña, participa nos paseos as fins de semana, e Cristina, que está fóra, céntrase no labor de difusión a través das redes sociais. Aínda están empezando, e ao boca a boca, aínda que sexa a través de internet, hai que  darlle tempo. Pero animan a xente a colaborar xa sexa como voluntarios, con algún donativo  económico —todo o que recaden entregarase a unha protectora xa que o seu labor é  completamente voluntario— ou facéndose cargo dalgún dos animais.

"No caso dunha adopción os animais entréganse desparasitados, vacinados, con chip e castrados. Todo é a custo cero. Encárgase o Concello", indica Romina, mentres explica que os que queiran colaborar nos paseos ou nos coidados teñen a porta aberta, pero deben poñerse en contacto antes con elas para xestionar todo. "Estamos encantadas de que a xente participe", di.

Voluntariado animal
Comentarios