Volta a Taznakt dende Duarría

Iago Fernández regresa a Marrocos, onde xa estivo no verán como voluntario, coa idea de arranxar dúas garderías desta localidade

En menos de catro meses, Iago Fernández, da parroquia de Duarría (Castro de Rei) aínda que actualmente reside en Pamplona, sentiu a necesidade de regresar a unha pequena localidade de Marrocos. Este veciño castrexo, en compañía de Raquel Rodríguez, de Carballo, viaxará a Taznakt co obxectivo de arranxar dúas garderías dentro do proxecto nacido ao abeiro da asociación Amal Taznaqt, entidade coa que xa colaborou na súa anterior aventura.

Imaxe da anterior viaxe de iago Fernández a Marrocos, en agosto. EP"A outra experiencia foi moi boa, chegamos a vestir a uns 450 nenos do pobo e dos arredores", recorda Iago dunha viaxe en furgoneta, dende Gaibor —naquel momento fora acompañado por Ángela Anido—, na que levaron todo tipo de prendas, xoguetes e material escolar. Ademais, especifica que a tódolos beneficiarios desta viaxe solidaria se lles entregou "un pantalón, unha camiseta, unha chaqueta ou xersei e calzado".

PROXECTO DE NADAL. Nesta ocasión, a idea coa que arrancan este venres é a de renovar o mobiliario completo, dende mesas ata cadeiras, e instalar lámpadas —as aulas só contan con luz— nunha gardaría de Taznakt. As outras instalacións educativas do pobo precisan dunha reforma máis integral.

Será nese centro infantil onde se sustituirán as ventás, xa que "o que parecen cristais en realidade son plásticos transparentes", relata Iago, quen ademais, colaborará na rehabilitación total dun teito que "ten moitos furados polos que entre o aire no verán, pero tamén o frío no inverno". No exterior, está proxectada a construción dun parque infantil no que ata agora é "un recinto de pedras cun valo semellante ao dun galiñeiro", concreta este mozo que leva por bandeira a frase "non poderemos cambiar o mundo, pero si melloralo".

O Concello de Carballo cedeu cinco balancíns, un tobogán e unha caseta para construír un parque infantil no exterior

Para a instalación do parque o Concello de Carballo cedeu desinteresadamente cinco balancíns, un tobogán e unha caseta infantil, para que os nenos e nenas da volta poidan desfrutar do seu tempo de lecer. Tódolos traballos serán desenvolvidos por voluntarios chegados dende diferentes puntos de España, como é o caso de Iago e Raquel, e por traballadores da zona de Er Rachidia.

Así mesmo, durante o tempo que permanezan en Aznakht, ata o día 5 de xaneiro, compartirán vivenda con familias do lugar e con outros voluntarios, tamén instalarán unha bomba de auga para que "todos os do pobo non necesiten sacar a auga cunha roldana e un cubo". Este novo sistema funcionará cunha placa solar.

Estes dous galegos mobilizáronse para conseguir apoio e, polo momento, conseguírono. Raquel levou a cabo unha sesión vermú solidaria no seu concello, xa que "desta vez é máis custoso o traslado, porque non é só unha furgoneta, senón un furgón", detalla Iago, ao tempo que agradece a colaboración de Ángela, "aínda que non vaia desta vez", e a de negocios como Fraín, Os Cachivaches, O Gandul ou Tibor.

Uns 85 nenos beneficiaranse das melloras 
A gardaría na que se instalarán lámpadas e se renovará o mobiliario acolle uns 35 nenos e nenas. A outra, alberga a 50 pequenos. 

150 
Son os nenos en idade escolar que hai en total en Taznakht. 

1.778 
Son os quilómetros que separan Duarría desta vila da provincia de Er Rachidia. 

20 
Algo máis de 20 horas é o que lles levaría o traxecto, sen contar paradas necesarias.

Comentarios