A guitiricense Julia Saavedra crea o documental 'Galicia enteira é un festival'

Este traballo recolle as principais citas musicais da comunidade, entre as que destaca o evento que se celebra cada ano en Pardiñas

De esquerda a dereita, Cristina Pérez, Nerea Fernández, Julia Saavedra e Berta Pan. GALICIA FEST
photo_camera De esquerda a dereita, Cristina Pérez, Nerea Fernández, Julia Saavedra e Berta Pan. GALICIA FEST

"En galicia os festivais non se viven como no resto de España". Esa é unha das conclusións e unha das ideas que intentan transmitir catro estudantes de Comunicación Audiovisual da Coruña, entre as que se atopan dúas lucenses, co seu documental "Galicia enteira é un festival", nacido a raíz dun traballo de fin de grao no que quixeron coñecer de preto a historia e evolución destas citas musicais na nosa comunidade e entre as que destaca o Festival de Pardiñas.

A guitiricense Julia Saavedra é unha das alma máter desta iniciativa, xunto á lucense Nerea Fernández, a arteixá Berta Pan e a vimiancesa Cristina Pérez. As catro idearon un proxecto multiplataforma, Galicia Fest, que inclúe unha canle de Youtube —onde a festivaleira Catuxa, interpretada por Berta, conta como vive os festivais e consellos ou datos curiosos sobre eles—, unha web con toda a información e perfís nas distintas redes sociais, onde van amosando o seu traballo e, tamén, dan información actualizada dos distintos festivais galegos.

Pero o epicentro de todo é o documental, que ten dúas versións co mesmo contido: un interactivo na web, no que a xente pode elexir os temas do mesmo para ver, e outro lineal, que é a peza audiovisual principal e que preestrearon hai uns días no Festival de Cine de Roca.

"O documental trata sobre a historia dos festivais en Galicia, sobre todo centrándonos no tema da censura que había no Franquismo e que a día de hoxe segue existindo, porque realmente aínda seguen estando mal vistos e censurados algúns artistas, grupos ou concertos", explica a chairega Julia Saavedra.

Para falar da evolución dos mesmos, fixérono coa colaboración de persoas destacadas como organizadores, colaboradores, fundadores do movemento bravú ou músicos como Xurxo Souto, de Os Diplomáticos de Montealto, ou Gabri de Dakidarría.

Todos eles fixeron un repaso ao panorama festivaleiro galego, pero centrándose máis en tres citas en concreto: o Festival de Pardiñas, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira e o Revenidas de Vilaxoán de Arousa, en Vilagarcía. "Pardiñas é un dos festivais de maior tradición e máis antigo, e cremos que non ten a repercusión que debería. O de Ortigueira tamén ten un gran percorrido. E o Revenidas é máis recente, pero partiu dunha festa tradicional, unha sardiñada, para converterse nun festival grande e moderno pero que mantén a tradición", explica Julia.

PROMOCIÓN. E é que este mundo é algo que se debería promocionar máis, segundo estas rapazas, que quixeron mostrar tamén o interese turístico que teñen estas citas. "Sempre se vende Galicia coa gastronomía e as paisaxes, pero tamén hai grandes artistas e festivais que amosar", di Julia, convencida de que a maneira de vivilos aquí é diferente que no resto de España. "Son máis comerciais, mentres que aquí son máis tradicionais, misturan o moderno coa tradición. Os galegos facemos todo en comunidade", engade.

Así, tras algo máis dun ano de traballo en equipo, o documental "Galicia enteira é un festival" vai vendo pouco a pouco a luz. A idea das súas creadoras é presentalo en concursos e festivais. "De momento, falamos cos concellos onde se fan os festivais que saen e estamos mirando de levalo a algun sitio máis", comenta a guitiricense.

Pese a xa ter presentado o traballo de fin de grao, a actividade nas distintas plataformas non cesa. Entrevistas, vídeos e fotos de festivais e información dos mesmos... unhas tarefas que manteñen coa ilusión de querer seguir informando aos festivaleiros sobre todas as citas de Galicia e de darlles a estas a relevancia que merecen.

Comentarios