Vodas de platino para o bo querer

Ao ritmo de 'La niña de Puerto Rico', tocada nunha festa, estes dous veciños de Xustás, el carpinteiro por devoción e ela grande amante dos animais, iniciaban unha relación que tres anos despois desembocaba nun enlace matrimonial que hoxe cumpre 65 anos, efeméride que celebrarán rodeados dos seus
Zaida entrevistou aos seus bisavós, lectores diarios do xornal. EP
photo_camera Zaida entrevistou aos seus bisavós, lectores diarios do xornal. EP

A calor apretaba naquel 9 de outubro de 1957 para estar no outono, 25 graos chegou a marcar a estación meteorolóxica de Rozas. Lugo festexaba polo San Froilán, Margarita González era elixida Señorita de Magoy dentro das patronais luguesas, Pelúdez ironizaba sobre a querenza de "doña Renfe" pola cidade e, na outra punta do mundo, Inglaterra facía estalar unha bomba atómica a modo de proba na zona australiana de Maralinga. Tamén foi o día máis importante de Avelino Díaz e de Dolores Pérez.

Este domingo cumpren 65 anos como matrimonio, mais o seu querer empezou moito antes do si quero, entoado na igrexa de Xustás, a parroquia de ámbolos dous, ante a súa xente máis achegada. Unhas 80 persoas que chegaron ao hotel Comercio, que por aquel entón estaba na Praza de España, en Lugo, en cinco turismos e un autocar.

"Sígoa querendo como o primeiro día que a coñecín", di Avelino sobre a súa muller, quen á súa vez pide que "mentres viva, que Deus mo garde ao meu lado". Iso durante a entrevista que a súa bisneta Zaida, de nove anos, lles fixo con motivo dunhas vodas de platino que celebrarán rodeados dos seus e que deu pé a unha reportaxe sorpresa para eles.

A efeméride ben o merece. Festexan tantos anos de amor como de respecto mutuo, un querer que se facía oficial tres anos antes, nunha festa trala chegada de Avelino do servizo militar, ao que foi de voluntario. "Daquela os compoñentes das orquestras tiñan que quedarse na casa dos veciños da parroquia e na miña tamén quedaban. Como eu tiña acceso ao vocalista, pedinlle que tocase La niña de Puerto Rico -unha guaracha- para dedicarlla a Lola", relata el, quen coñecía á súa futura esposa porque, cando traballaba de carpinteiro, "pasaba e paraba na casa dela".

O labor coa madeira foi sempre a súa gran paixón, que retomou cando se xubilou. A de Lola é o coidado das pitas e dos seus cans e xuntos comparten devoción polo horto ecolóxico -porque, din, "a saúde entra pola boca"- e pola súa familia: os seus tres fillos, María, Marga e Gonzalo; os seus netos, Óscar, Borja e Javi, e os bisnetos, Zaida e Mateo, aos que consideran o seu grande orgullo e o eixo central da súa felicidade. Porque á pregunta de cal foi o día máis especial da súa vida, non o dubidan: "Cando nos xuntamos, pero o máis, máis, o día da nosa segunda voda", unha sorpresa argallada entre todos na que os pequenos Zaida e Mateo fixeron de padriños da cerimonia, con emotivos discursos incluídos, risas, algunha bágoa e moito baile.

Hoxe ben seguro que tampouco mudaron a súa rutina, aínda que 65 anos de matrimonio non se cumpran todos os días, e comezarían almorzando e lendo o xornal, dando boa conta do gusto de Avelino pola lectura. Para proba, a inmensa cantidade de obras que alberga nunha libraría feita coas súas propias mans, igual que as mesas, cadeiras e armarios da casa.

"A mellor decisión foi desfacernos da granxa, desde entón moi feliz fun, facendo o que quería facer", di Avelino mentres bota a vista atrás, a cando el mesmo levantou as "cuadras" e atendía as vacas xunto con Lola, quen alongaba as horas do día para ocuparse tamén do resto da casa, dos fillos e da "cociña a lume lento", desa da que sae o caldo que tanto lle gusta ao seu home.

Un sabio e unha adiantada

Lola foi unha muller precursora. Sendo a máis nova dos irmáns, todos homes, independizouse facendo a súa propia casa. "Logo veu Avelino acoplarse e axudar a acabar a casa", engade entre risas esta veciña de Xustás que, aos seus 90 anos, lembra que o seu gran capricho de nova foi "ter unha máquina de coser". O de Avelino, "unha bici", nunha parroquia na que "só había dúas, nada máis, así que eran os que facían os recados todos".

E nesa viaxe que fan á infancia grazas ás preguntas de Zaida, rescatan da lembranza as figuras que os marcaron. Para Lola, a súa nai, coa que viviu ata que faleceu, e para Avelino o seu avó Melquíades Díaz, un mestre de ferrado que lle inculcou o gusto por ler.

"É unha enciclopedia andante", di Zaida do seu bisavó, un home que "nunca ten présa e ten resposta para todas as preguntas", ademais de ser "un adiviño, pon o audífono só cando sabe que vai escoitar algo interesante", mentres que Lola é para a pequena "a que mellor sabe xogar ás agachadas" e "a única persoa do mundo que pode empregar a palabra cariño varias veces na mesma frase".

Para Zaida, ademais, "os bisavós son esas persoas consentidoras, pacientes, sabias, amables e protectoras, mestres da vida" nos que ela e o seu curmán Mateo se miran para aprender "o verdadeiro significado da palabra familia". E é na súa casa de Xustás, cuxas portas sempre están abertas, onde "podemos correr por onde queremos", porque a filosofía de Avelino e Lola, de Lola e Avelino, non é outra que compartir todo canto teñen cos seus.

Por iso, a felicidade de hoxe, a que levan vivido e a que lles queda por diante será compartida por unha familia que ten uns referentes de luxo.

Comentarios