As nove voces que cantan pola Chaira

Polo Luar da Televisión de Galicia xa pasaron nove artistas que lle puxeron voz á comarca da Terra Chá e, nesta edición ‘de ouro’, David e Ana Fanego volven ao escenario de Xosé Ramón Gayoso
Irmáns Fanego. PURRIÑOS
photo_camera Irmáns Fanego. PURRIÑOS

Alá polo ano 2010, o popular programa da Televisión de Galicia Luar poñía a andar un formato co que cada recuncho da comunidade se vía reflictido a través da música e das cualidades vocais dos seus representantes. Logo de case dez anos en antena, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso apostou por rescatar algunhas das mellores voces que pasaron polo concurso e dar forma así aos Recantos de Ouro, nos que a Terra Chá está representada polos irmáns Fanego, que desta vez participan como dúo. Este venres, día 15, é a final desta primeira fase, na que un representante deberá abandonar o programa.  

"Para algunhas cousas é máis fácil porque estamos acostumados a traballar xuntos", di David, o 50% dos irmáns Fanego, ao tempo que engade que "a técnica é máis complexa, porque te obriga a facer harmonías e a sincronizarte". E é que ambos saben ben o que é traballar un a carón do outro durante case todo o ano, grazas ao dúo Estrellas, que os leva por ducias de festas dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro. Este 2019 pecharano cunhas 140 actuacións.   

Os irmáns Fanego comezaron como dúo Estrellas en 2012, uns meses antes de que David pasara a formar parte de Recantos

O proxecto co que estes dous vilalbeses se adentraban no mundo da verbena comezaba un 24 de novembro de 2012, só uns meses antes de que David pasara a formar parte de Recantos. Un ano despois, collía o seu testemuño a súa irmá Ana. E pese a ter experiencia ante o público, o concurso televisivo "nada ten que ver" coas actuacións do dúo. "Nas festas empregamos un repertorio actual", di Ana, "pero en Luar son as cancións dos avós cantadas polos netos", completa o seu irmán.

Ambos quedan cos consellos de Andrade, que "ademais de gardar unha moi boa persoa detrás do personaxe, valora con criterio e de xeito técnico", ademais das achegas de Piñeiro, máis enfocadas ao plano escenográfico.  

O éxito que colleitaron ambos tras o seu paso polo programa e representar a súa comarca, "toda unha responsabilidade", apunta Ana, compróbano en cada festa á que acoden e en cada persoa que os recoñece como "os do Luar". E iso que, tal e como sinala David, "aínda quedan moitos por saír do armario luareiro", bromea.

Rosana Blanco Castro de Ribeiras de Lea (2010-2011)
Rosana Blanco. EP 

Rosana participou nunha primeira edición na que vencera Maret, mentres que a chairega conseguira un meritorio posto entre os cinco mellores. O seu primeiro tema foi elixido por ela, Que te quería, e os seguintes, seguindo a mecánica do concurso, escollidos polo propio programa.

Bruno Pena Guitiriz (2011-2012)

Bruno Pena. EP

Este mozo de Guitiriz comezou en Recantos "por sorpresa" e na súa edición quedou ás portas da semifinal, marcando un dos récords de votos do público (5.361 votos). Pese a que o seu é a produción audiovisual, afirma que a música, na que comezou con só tres anos, é para el "un hobby". 

Marcos Roca Guitiriz (2012-2013)

Marcos Roca. EP

O guitiricense Marcos Roca débelle o seu paso pola tele ao seu irmán, quen o presentou ao concurso porque "sabía que me apetecía" e chegou ata semifinais, gala na que cantou Vivir así es morir de amor. Ata ese momento, logrou ser un dos concursantes máis apoiados polo público.

David Fanego Vilalba (2013-2014)
David Fanego. EP

Este vilalbés xa pasara polas cámaras da TVG e de Telelugo. Desa edición, que abandonou ás portas de cuartos, recorda como o momento "máis bestia" a gala na que tivo que cantar dúas veces por problemas cos monitores. 

Ana Fanego Vilalba (2015-2015)

Ana Fanego. EP

Primeiro como público e un ano máis tarde, dende dentro. Despois de cantar Corazón contento, Cartagenera, Pídechas o corpo —na que "mellor o pasei"— e Fue tan poco tu cariño, tocoulle deixar o concurso. Foi repescada para a 5ª fase.

Jesús Fernández Chuppy Vilalba (2015-2016)

Chuppy. SEBAS SENANDE.  

Este trotamundos da música compaxinou o seu paso polo concurso luareiro con varias idas e voltas ao hospital. Pese ás circunstancias, define a súa estadía no Recantos como algo "incrible, a nivel persoal e artístico" e aos membros de Luar como "unha familia". A súa participación rematou como semifinalista, gala na que caeu fronte á representante de Ourense, aínda que nas catro primeiras fases este vilalbés de adopción capitaneaba a clasificación. Unha das lembranzas que conserva é a actuación do tema O Rei, unha canción coa que chegou aos 29 puntos pese a que "non me gustaba nada, pero ese día foi tan guapo que a incorporei ao meu repertorio", afirma.

Marta López Castro de Ribeiras de Lea (2016-2017)

Marta López. EP  

Esta moza finalizaba o seu paso polo concurso na primeira fase, tras cantar Sobrevivirei e levando "moitos compañeiros, como Verónica Cambón", a representante das Terras de Lugo. "Son moi nerviosa e a verdade é que non me foi ben", recoñece ao tempo que engade que "tamén me axudou a superar medos, a facerme forte e a saber levantarme". A súa traxectoria inclúe a Tropicana, a Principal e a Nevada, aínda que agora continuará "na música, pero non na verbena", avanza.

Borja Fuentes Lugo (2017-2018)

Borja Fuentes. EP

Este lugués con raíces en Cospeito chegou a cuartos de final de Recantos e do seu paso garda un recordo especial da actuación de Bailar pegados, "por meu pai, que faleceu hai uns anos e sempre o recordo cantando esa canción", lembra Borja.

Nere Blanco Taboada (2018-2019)

Nerea Blanco. EP  

A representación desta taboadesa pola Terra Chá débese á formación da que era integrante, a Breixa Band de Castro. En Recantos caeu na gala previa ás semifinais, por só un punto, e do xurado destaca "os consellos de Andrade e de Tania Fuegho".

Comentarios