A Chaira, 15 anos: Opinión

Vivir do rural para fixar poboación

Presidente de CLUN e gandeiro de Xermade
Vacas comiendo en una explotación ganadera. EP
photo_camera Xatas comendo. EP

Na Terra Chá, igual que no resto de Galicia, ten moita importancia o sector primario. En Vilalba, as empresas que máis postos de traballo xeran están directamente relacionadas con el.

Dentro deste sector, o máis coñecido para min é a gandería. En Galicia, nos últimos 15 ou 20 anos, o sector leiteiro experimentou un forte cambio, un gran crecemento e unha importante modernización. Por exemplo, A Pastoriza, un dos concellos con máis produción láctea de España, no ano 2004 tiña algo máis de 20.000 lactacións, cunha produción por vaca de 8.000 litros anuais, mentres que en 2019 xa rondaba as 23.000 lactacións, cunha media de 10.404 litros por vaca ao ano, segundo os datos de Africor Lugo. 

Este aumento de produción pode extrapolarse a toda Galicia. Por este motivo, empresas como Naturleite, Lactalis, Entrepinares ou Inleit fixeron fortes investimentos no noso contorno.
Non hai dúbida de que a gandería mantén vivo o rural e tamén vilas como Vilalba, Meira ou Guitiriz, xa que a maior parte da nosa industria é transformadora de produtos relacionados co sector primario.

Na actualidade, fálase moito do medio rural, da España baleira, de fixar a poboación no rural... Dende o meu punto de vista, ten que haber xente que vive no rural, pero sobre todo xente que viva do rural. A actividade que máis fixa a poboación nas nosas aldeas é a gandería, como por exemplo a de leite. Ter unha explotación láctea obriga a estar pendentes da muxidura como mínimo dúas veces o día, o que leva a que o gandeiro non poida vivir a moita distancia da granxa. Porén, outras actividades, coma a forestal, si que permiten vivir lonxe do rural.

Se queremos seguir tendo un sector primario forte, que lle dea vida ao noso rural, todos debemos contribuír. As administracións, apoiando iniciativas de produción, transformación e comercialización de produtos agrarios, e a poboación, consumindo produtos do noso rural e da nosa industria, favorecendo así a nosa economía e permitindo que continuemos medrando para ser autosuficientes na produción de alimentos, xa que como vimos neste ano (aínda que noutros ámbitos), a dependencia doutros países pode xerar grandes problemas de abastecemento.

Tamén quero facer unha mención ás cooperativas, posto que son empresas pegadas á terra, que non deslocalizan a produción. E os seus empregos e beneficios repercuten directamente nos produtores agrarios e gandeiros.

Comentarios