Vítor Rei: "Para a xente, o BNG é unha forza de choque"

Por primeira vez, o vilalbés Vítor Rei preséntase como cabeza de lista do BNG á alcaldía do concello que o viu nacer, collendo o relevo que deixa Félix Jorquera

Vítor Rei. EP
photo_camera Vítor Rei. EP

Vítor Rei é veciño da céntrica Rúa da Ferrería de Vilalba e presume da súa loita a prol do nacionalismo e por revitalizar o patrimonio histórico da comarca. Así mesmo, é un habitual do asociacionismo da capital chairega, a través da Asociación de Amigos do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba ou do Iescha, así como de Adega. 

Que queda por facer no ámbito cultural do concello? 

Que o Concello se implique. Temos aí o Mupav, que é unha pasada, e o goberno local deixa que teña goteiras. Igual que o resto do patrimonio. Cruceiros, mámoas ou cemiterios que se están deixando a un lado. Tendo un museo e xacementos arqueolóxicos non entendo que non se potencie, se iso sería darlle vida á vila. 

Vese na alcaldía? 

A ilusión témola e aos meus compañeiros de lista véxoos contentos. Para a xente, o BNG é unha forza de choque porque se implica en moitas das loitas. 

Que faría se chega a ela? 

O primeiro, que os traballadores do Concello traballen para os veciños, non para o Concello. Logo, procurar que a recollida do lixo ou a auga volvan ser municipais. E o noso proxecto estrela é a apertura dun centro de día ou residencia para maiores. 

Que perspectiva ten, dende fóra, da actual corporación municipal? 

A nosa perspectiva é que vai haber un cambio e necesitarémonos as tres forzas para que o haxa. Vai sendo hora de abrir as portas do consistorio e que entre aire novo. 

E que tal a experiencia como candidato?

Como un neno que comeza a escola. Son un proletario, teño as ideas, quizais me faltan os tecnicismos. 

Cales son os mellores recordos que garda da súa vida? 

Cando alindaba as vacas de pequeno na actual praia fluvial, cando o meu padriño —padriño da miña nai— me ensinaba tódolos niños dos paxaros ou cando miña nai me dicía sempre que me metía en tódalas causas imposibles. 

E que é o que o guía? 

Con 18 anos lía moito a Marx, a Fidel Castro, ao Che... Hai unha carta que lle enviou ao Che un que se apelidaba Guevara, preguntándolle se serían parentes. O Che respondeulle "se che ferve o sangue cando ves unha inxustiza, entón si". 

Se tivese que exportar algo de Vilalba que non fose o queixo, o capón ou a torre, que sería? 

O desenvolvemento de Champivil a través dos grelos e das setas. Aí está a miña sobriña investigando e mostrando o máis innovador que se pode. 

Canto tempo hai que ten barba? 

Dende hai máis de 30 anos. 

Quitaríaa se chega a ser alcalde? 

Nunca. Nin a quitei cando me fixeron un transplante hepático. 

Algunha manía? 

Aparcar o coche sempre cara abaixo na Rúa da Ferrería.

En curto
Colgante 
Feito de terracota secada ao sol. Mercouno en Ourense e, aínda que estaba pintado de vermello, "foise desgastando". Ten decoración celta.

Pulseiras 
Leva dúas: unha que lle regalou unha amiga de Vilalba e outra, unha rapaza á que lle deu un anaco de queixo e ela lla fixo nunha feira. Non leva reloxo.

Zapatos 
Co seu calzado de Goretex vai "ata que rompen". Só gasta un par e os desta marca, "porque non se mollan e son os máis cómodos que hai".

Comentarios