Unha vintena de colectivos esixen unha actuación urxente na Torre de Caldaloba

Critican que a Xunta anuncie limpezas e estudos e reivindican accións inmediatas para a recuperación da torre
2021070412255315615
photo_camera Asistentes á limpeza reivindicativa de Caldaloba. C.ARIAS.

Ao redor dunha vintena de colectivos, principalmente entidades de Terra Chá e doutros concellos limítrofes, uníronse este sábado para denunciar o estado de abandono da Torre de Caldaloba e para esixir unha actuación urxente nun símbolo da historia e do patrimonio galego. Así, algo máis de 30 persoas, cargadas con fouces e fouciños, realizaron unha roza reivindicativa para poñer o foco no patrimonio.

«Aquí chove moito e o que rozamos hoxe dentro duns meses volverá estar igual, pero vimos reivindicar. Somos conscientes que a limpeza da contorna non salva a torre, que debe ser o obxectivo urxente que non admite retraso ningún», indicaron dende os colectivos participantes, que se mostraron críticos co recente anuncio da Xunta de facer estudos sobre a torre e unha limpeza da zona.

"Non comprendemos que a Administración galega poida plantexar, a estas alturas, accións diferentes que non sexan que dito ben pase ao patrimonio público e a execución de accións inmediatas para a súa recuperación. É unha especie de distracción", indicaron, ao tempo que destacaron a importancia de chegar a acordos cos propietarios para "adquirir a torre e salvala".

"O noso obxectivo é concienciar á sociedade e ás administracións para salvar a torre e poñela en valor", subliñaron as entidades, que anuncian novas accións encamiñadas a dar a coñecer a historia de Caldaloba como a publicación dun estudo de Antón Meilán.

Comentarios