Vinte palabras e o desexo dun reencontro

Séchu Sende fixo un pregón interactivo co público no acto central do Festival de Pardiñas, no que Alfonso Blanco saudou desde a distancia
Público bailando no concerto de Ultreia.
photo_camera Público bailando no concerto de Ultreia. MARÍA ROCA

Alfonso, bolboreta, lume, amor, pandeireta, festival, artista, gaita, Galiza, regueifa, saudade, medo, vento, saúde, semente, humor, foliada, auga, Xermolos e Pardiñas. Vinte palabras, propostas todas polo público presente, servíronlle ao escritor e creador Séchu Sende para argallar un pregón interactivo e improvisado no acto central do Festival de Pardiñas.

A súa orixinal intervención, que ademais de agarimos para esta cita tamén tivo un amplo repaso reivindicativo -contra os lumes, os eólicos...- moi aplaudido, foi o epicentro do acto principal desta cita, que onte pechou a súa cuadraxésima edición cun éxito de público, ante o que foi, segundo dicían os presentes, "o ano que máis xente houbo".

E é que, aínda que a festa da música e da arte non descansou nin na pandemia, con dúas edicións adaptadas ás circunstancias, o certo é que había tres anos que os festivaleiros non se xuntaban no entorno do balneario de Pardiñas. E iso notábase no ambiente, nos "longos abrazos que se daban todos" nos reencontros e nas ganas de participar dos bailes e pequenas festas improvisadas que ían xurdindo na carballeira.

Pero se hai un reencontro que tarda, ese é o de todo Pardiñas coa súa alma máter: Alfonso Blanco Torrado. Por problemas de saúde, causou baixa por primeira vez en 42 anos e foron moitos os que o recordaron nas súas intervencións, como Mero Iglesias, antes de presentar ao pregoeiro.

Pero non só estaba Alfonso no recordo dos que estaban en Pardiñas, senón que Pardiñas tamén estaba no recordo de Alfonso e enviou un saúdo dende a distancia.

"Todos os anos dámonos conta de que, aíndan que non estean no palco, hai moitas persoas, como Manuel María, Darío Xohán Cabana... e tantos e tantos outros, que son estrelas que alumean Pardiñas. Porque Pardiñas é unha familia. Eu aínda que non estou aí, estou en Pardiñas e imos seguir estando", transmitiu Blanco nunha gravación.

Tralas intervencións, foi a entrega de premios aos preto de cen propostas gañadoras do Certame Terra Chá infantil e xuvenil de creación, ao que se presentaron 820 traballos chegados de centros educativos de toda Galicia.

Entrega de premios so Certame Terra Chá. M. ROCA
Entrega de premios so Certame Terra Chá. M. ROCA

Tamén foi numeroso o público que participou nos obradoiros de Oli Xiráldez e Nuria Gesteira, que viu o espectáculo infantil de Abracadáver e que disfrutou coa música de Rabeira, as Pandeireteiras Ultreia, Carapaus, Xabi Aburruzaga, Tandub e Festicultores. Porque Pardiñas, si, dá a vida.

Comentarios