Vinte anos dun colectivo con ás autóctonas

Avimós, que naceu en Vilalba con sete fundadores, suma tras dúas décadas 800 criadores e moitas batallas gañadas, mentres continúa marcándose retos para recuperar a galiña de Mos, unha raza avícola galega en perigo de extinción

"O camiño foi longo pero ninguén pensaba que puideramos chegar a onde chegamos en 20 anos", di botando a vista atrás Francisco Monasterio, o presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos, Avimós, un colectivo que cumpre dúas décadas de traxectoria con moitas batallas gañadas e novos retos marcados na loita por non deixar desaparecer a primeira raza autóctona en perigo de extinción

Un galo de Mos. EP"Avimós nace a través dun grupo de xente que tiñamos galiñas de Mos, era a galiña dos nosos antepasados, a que había en Galicia dende había moito tempo e a que estaba en todas as casas, pero estaba desaparecendo coa chegada doutras estirpes industriais", relata Monasterio, que indica que "o interese individual de cada un" por recuperar e poñer en valor esta ave sumado a unha nova liña de axudas que lanzou a Xunta para razas autóctonas foron a combinación que deron forma a Avimós. 

Naceu en Vilalba da man de sete fundadores —da capital chairega, Castro de Rei, Foz e Outeiro de Rei— e hoxe, dúas décadas despois, suma arredor de 800 criadores non só por toda Galicia senón por media España. "E sen estar en Avimós hai miles", di Monasterio, orgulloso dos deberes feitos.

O primeiro reto da asociación foi dar a coñecer a raza e aumentar o censo de animais, participando en moitas feiras e exposicións. "Levounos tres ou catro anos e cando empezabamos a ter un número considerable o obxectivo foi intentar rendibilizar algo. Podiamos criar pero non había normativa para vender e, aínda que pareza contraditorio, unha raza así hai que comela para que non desapareza", explica. 

Batalla gañada. En 2011 aprobouse o regulamento da avicultura artesá polo que cada criador pode vender 500 galos para comer, 50 galiñas reprodutoras e 50 máis de cría. "Foi un paso moi importante para ter as explotacións legalizadas e poder vender", di. 

Tras conseguir os centros de envalaxe para vender os ovos apostan polas salas de matanza domiciliarias para comercializar a carne

Pero xurdiron novos retos, como buscar mercados máis grandes que as feiras ou o boca a boca. Solucionaron a venda dos ovos cun novo regulamento para minicentros de envalaxe nas propias explotacións que lles permiten vender igual que calquera outra granxa máis grande a tendas e restaurantes. Só falta solucionar a venda da carne, que semella que se logrará pronto. 

"Necesitas un rexistro sanitario, ter que ir a un matadoiro, que non hai ou non queren estas aves porque son máis grandes, e o seguinte paso foi apostar polas salas de matanza domiciliarias, como hai noutros países europeos como Francia e Portugal", di Monasterio. "Tras moito tempo, en plena pandemia, cambiaron de ministerio as competencias e aprobáronse. No que estamos traballando agora é en presentar un proxecto de salas o máis sinxelas posible, con todas as condicións sanitarias pero sen unha grande inversión porque nós non necesitamos sala para miles de animais", di, mentres fala da gran asignatura pendente. 

"A restauración galega ten que apostar polo produto de calidade de quilómetro cero e non o fai. O maior reto é concienciar, que o coñezan e aposten", conclúe.


Censo | 28.000 animais comercializados 
O número de criadores, dentro de Avimós, ronda actualmente os 800, con 170 que se dedican á avicultura artesá, que venden carne ou ovos, e uns 600 de autoconsumo. Entre todos comercializaron ao longo do ano 2020 arredor de 28.000 animais. Non foi un ano fácil, porque a pandemia, co peche da hostalería, afectou ao sector. Segundo o censo, hai 8.000 reprodutoras. 

Criados ao aire libre 
Os galos e as galiñas de Mos son criados ao aire libre. Os pitos comercialízanse aos nove meses e os ovos son de máis tamaño e calidade, cunha clara máis xelatinosa e unha xema máis grande.

 


Dúas décadas de traballo
Concursos e exposiciónsConcursos e exposicións
Avimós organiza concursos na Semana Verde de Silleda e no San Froilán e participa en moitas feiras e exposicións por toda Galicia. Tamén organiza a súa propia feira en San Xiao de Mos.
                               Feira e degustacións
Na Expodegustación de San Xiao de Mos, que xa cumpriu dez edicións, ademais de concurso hai comida. O colectivo organiza outras citas de degustación en Lugo ou en Vilalba.
Promoción escolarPromoción escolar
Avimós leva anos cun programa de demostración para que os máis pequenos vexan como nacen os pitiños. Fan charlas e levan incubadoras e xa pasaron por máis de cen centros galegos.

Galos de pelexa recuperados dende Lugo e promocionados por Rof Codina

A domesticación das galiñas producíuse a partir de especies salvaxes do sudeste asiático e a avicultura entrou en España polo sur, cos romanos, os gregos e os fenicios. "A raza Mos entrou polo norte cos bárbaros e usaban as aves para pelexas, é unha raza combatente", di o presidente de Avimós, que sinala que ao longo da historia hai moitas referencias a varios tipos de galiñas galegas, e en concreto a unhas de maior talla que se criaban no interior de Galicia, na Terra Chá. 

"Coa creación da estación pecuaria rexional de Lugo, comézase o proceso de selección e uniformidade da raza. Ao cargo deste traballo estaba o veterinario Blas Martínez Inda que tras adquirir ovos na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, púxolle ese nome ao grupo que os incubaba", di a web de Avimós. Así nace o nome da raza e a partir de 1942 o veterinario Juan Rof Codina procede a darlle un impulso a través de estudos e axuda á súa divulgación. 

Nos anos 70 impúlsase a avicultura industrializada con cruces de razas para acadar altos rendementos, que produciu un paulatino abandono da cría da galiña de Mos. "Recuperouse, tivo un baixón e fixémonos cargo nós", di Monasterio, o presidente dun colectivo con ás autóctonas.

Comentarios