sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

A vilarega Pastora Veres pregoará o día 30 a XIII Tasca do Liño de Insua

Demostración na Tasca do Liño de 2018. AEP
Demostración na Tasca do Liño de 2018. AEP
A cita vilalbesa inclúe no seu programa demostracións, música ou monicreques. Falarase sobre emprendemento no rural e entregaranse os premios de debuxo e poesía

A vilarega Pastora Veres, autora do libro 'Lareira de Soños', pregoará o vindeiro día 30 a XIII Tasca do Liño, unha cita que pon en valor un oficio ancestral e que regresa ao calendario festivo despois dun ano obrigado de parón pola pandemia.

Tras o inicio da feira, que abrirá as súas portas en torno ás 11.00 horas, e despois do discurso da pregoeira, desenvolverase a mesa redonda 'Emprendemento e mocidade no rural', que será moderada pola alcaldesa, Elba Veleiro, e na que intervirán a historiadora e tecelá de Insua Miriam Fernández Otero, o ilustrador Cristian F. Caruncho e Pilar Castro García, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

O evento continuará coa entrega de premios aos gañadores do IV Certame de Debuxo Infantil Insua e o Liño e do II Certame de Poesía. A convocatoria para participar aínda está aberta ata o día 21 deste mes. Os traballos poden remitirse á asociación de mulleres rurais de San Bartolomeu de Insua.

A exposición de traxes do Centrad poderá visitarse máis aló da feira,  estará na escola ata o día 2

Será un grupo de integrantes desta entidade, que organiza este evento co respaldo do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial de Lugo, quen fará un ano máis as demostracións da tasca do liño. Haberá dúas sesións, unha pola mañá, ás 13.00 horas, e outra pola tarde, ás 18.00.

A todas estas actividades sumaranse a actuación musical do grupo Xaora Trad -prevista para as 13.30 horas-, o espectáculo 'Barriga Verde', de Monicreques Alakrán -ás 16.30 horas-, e o concerto de Luís O Caruncho, co que se pechará a decimoterceira edición da cita, e unha actuación que arrincará ás 18.45 horas.

Durante toda a xornada tamén estará aberta na escola desta parroquia vilalbesa unha exposición de traxes cedida polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo, que poderá visitarse máis alá da tasca, ata o día 2.

De 16.30 a 18.00 horas, a pregoeira, Pastora Veres, e a tecelá Miriam Fernández Otero, asinarán exemplares dos seus libros 'Lareira de Soños' e 'As mulleres de Insua e o liño'.

"O programa é moi similar ao doutros anos, só suprimimos o xantar e a queimada, para evitar riscos", explican dende a asociación de mulleres rurais de Insua, esperanzadas en que a XIII Tasca do Liño sume un novo éxito.

A vilarega Pastora Veres pregoará o día 30 a XIII Tasca do Liño de...
Comentarios