viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Unha vilalbesa de 74 anos falece cando esperaba un neto na parada do bus

O tráxico suceso conmocionou á parroquia de Román, que despedirá á súa veciña nos próximos días

Unha veciña da parroquia vilalbesa de Román, con iniciais J.G.S. e de 74 anos de idade, faleceu onte pola tarde por causas naturais mentres esperaba ao seu neto na parada do autobús.

O suceso ocorreu no lugar de Cartemil, un pequeno núcleo da parroquia de Román, arredor das 17.00 horas, cando a muller, como outras moitas veces, esperaba a que o seu neto chegase do colexio, o Ceip Terra Chá, situado na mesma parroquia, tras rematar a xornada lectiva -os alumnos que se quedan ao comedor saen arredor das 16.15 horas do centro-.

Os sanitarios non puideron facer nada por reanimala e só puideron confirmar a morte da septuaxenaria

O condutor, cando o autobús se aproximaba á parada na que o neno debía baixarse, viu o corpo tendido da muller próximo á cuneta e baixouse do vehículo para comprobar se aínda podía auxiliala.

Foi o propio condutor do autobús escolar o que alertou á central do 112 Galicia, que mobilizou unha ambulancia e unha patrulla da Garda Civil da capital chairega, pero os sanitarios non puideron facer nada por reanimala e só puideron confirmar a morte da septuaxenaria, que todo indica que foi debida a causas naturais.

Por este motivo, non houbo que esperar á chegada do xuíz para proceder ao levantamento do cadáver.

O tráxico suceso conmocionou á parroquia vilalbesa, que despedirá á súa veciña nos próximos días.

Unha vilalbesa de 74 anos falece cando esperaba un neto na parada...