Un vilalbés a descubrir

LOIS PEÑA NOVO, 55 ANOS DESPOIS ► Vilalba acolle este venres a presentación dun libro que, a través dos escritos daqueles que souberon aprezar a súa valía, lembra a fiugra do político, avogado e galeguista, pon en valor o seu legado e incide na rehabilitación moral debida
Lois Peña Novo, no mitin a prol do Estatuto, celebrado na Praza Maior de Lugo o 21 de xuño de 1936. AEP
photo_camera Lois Peña Novo, no mitin a prol do Estatuto, celebrado na Praza Maior de Lugo o 21 de xuño de 1936. AEP

Unha veciña acostumaba falarlle a un por aquel entón neno vilalbés de don Luís e de dona Ermitas. Un custodio, crendo que lle facía un favor a unha familia nuns tempos difíciles, decidiu prenderlle lume ao arquivo persoal que lle cedera un amigo, xa falecido. Un rapaz ao que lle puido a curiosidade viu uns papeis que lle chamaron a atención e decidiu salvar algún da queima programada nunha finca próxima a Vilalba. Un libreiro sabía do gusto dun xornalista polos documentos antigos e pensou que lle interesarían uns orixinais manuscritos do ano 1917, en lembranza de Curros Enríquez e dun mitin no Teatro da Coruña.

Logo desta sucesión improbable e aleatoria de feitos, acababan nas mans do vilalbés Xulio Xiz -previa consulta para contrastar a valía co experto Manuel Roca Cendán-, dous discursos pronunciados polo político galeguista, avogado e escritor vilalbés Lois Peña Novo, de cuxa relevancia Xiz, malia coincidir as súas primeiras décadas de vida coas últimas del, só chegou a saber unha vez desaparecido e, polas circunstancias e para a maioría, tamén esquecido.

Unha vez atopado o tesouro, tocaba decidir que facer con el. E que mellor que unha publicación?, tendo en conta que se cumprían 55 anos do seu tráxico pasamento nun accidente de tráfico. Emerxía así a obra Lois Peña Novo, 55 anos despois (Xullo, 1967-Xullo, 2022). Lugo: Lembranzas, inéditos e rehabilitación, editada polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Vilalba.

"Este libro está formado por fermosas follas verdes de loureiro en lembranza e rehabilitación de Lois Peña Novo, páxinas escritas por persoas que, movidas pola súa fonda e sincera admiración polo galeguista nado en Vilalba, desexan tributarlle unha ben merecida homenaxe cívica 55 anos despois do seu tráxico falecemento", escribe o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nun dos saúdos dun volume que recolle textos que "obedecen a un acto de xustiza ben consciente e lexítimo a unha persoa de vida exemplar que cativou aos seus coetáneos, e aínda nos cativa a tantos polas súas virtudes intelectuais e morais".

O segundo saúdo asínao a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, quen destaca o seu labor como "gran defensor de Galicia", pero ante todo o seu legado como vilalbés "ao que os ventos de guerra impediron entrar na historia co especial papel que puido corresponderlle". Lembra así ao irmán do médico Plácido -quen combatiu a epidemia da gripe-, ou de Antonio, xornalista e investigador; e tamén ao home de dona Ermitas, coa que formaba un matrimonio aínda rememorado polos maiores de Vilalba, "sempre xuntos, colleitando amizade e prestixio".

Lois Peña Novo cofundou as Irmandades da Fala de Santiago e de Vilalba e en 1920, na Coruña, converteríase no primeiro concelleiro electo do galeguismo en Galicia

Do tráxico final da parella, cando contaban con 73 anos, el, e 62, ela, nun accidente de tráfico en Robra (Outeiro de Rei), dá conta Xosé de Cora nun dos artigos do Álbum de los lucenses publicado en El Progreso. O 24 de xullo de 1967, o coche no que viaxaban dende Madrid, onde residían, cara a Vilalba, a onde sempre volvían, colidía cun camión, deixando catro mortos e unha ferida grave. Quixo a casualidade que outro recoñecido vilalbés, Manuel Fraga, daquela ministro de Información e Turismo e que acudía a Vilalba para participar ao día seguinte na inauguración do Parador de Turismo, pasase por alí xusto despois e recoñecese ás vítimas.

Chegaba así á súa fin a longa traxectoria do "precursor da galeguización integral", tal e como o define Xosé González, presidente da Fundación Lois Peña Novo, quen o considera un "adiantado ao pensamento galeguista do seu tempo", separándoo un "abismo intelectual" de moitos dos seus compañeiros de militancia.

Lois Peña Novo -nado nunha Vilalba que contextualiza para a obra o historiador Xosé Antón Pombo Mosquera-, cofundou as Irmandades da Fala de Santiago e de Vilalba e en 1920, na Coruña, converteríase no primeiro concelleiro electo do galeguismo en Galicia. Ata no estranxeiro sabían dos seus escritos, mais eran os seus veciños os que descoñecían o peso da súa figura. Non pasaban de consideralo un "bo avogado", tal e como lembra o tamén finado Bernardo García Cendán na biografía que se recupera en 55 anos despois e que se incluía orixinariamente na Obra completa de Lois Peña Novo que editaba a USC en 1995.

O instituto vilalbés ou unha rúa na capital chairega e outra en Lugo lembran a esta figura trascendental

Naquela publicación xogara un papel fundamental Manuel Roca Cendán, quen asumiu a responsabilidade de debullar os manuscritos que son a razón de ser desta nova publicación, na que Xulio Xiz lembra outro dos capítulos máis inxustos con Peña Novo. En 1936 era secretario do Concello de Lugo, onde foi suspendido de emprego e soldo. E non só iso, tamén o borraban do rexistro de secretarios da administración local ao que el tentaría reiteradamente volver, sen éxito. O acto de xustiza moral, a rehabilitación, non se produciría ata 2003, tras dez anos de loita.

O instituto vilalbés ou unha rúa na capital chairega e outra en Lugo lembran a esta figura trascendental, un dos moitos homes e mulleres pioneiros "non sempre recoñecidos e valorados", como lembra o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, nun artigo no que se fai eco das palabras que Peña Novo escribía hai xusto un século en A Nosa Terra: "Eu quero que Galiza entre no concerto dos pobos civilizados, quero que fale a súa lingua, que desenrole a súa cultura, que porte o seu esforzo á civilización da Humanidade".

Presentación na casa da cultura

A casa da cultura de Vilalba acolle este venres, ás 19.30 horas, a presentación da obra, enmarcada nos actos das festas patronais de San Ramón e Santa María

Poñentes 
Intervirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González; o historiador Xosé Antón Pombo Mosquera; o economista Manolo Roca, e o xornalista Xulio Xiz

Reparto 
Os asistentes recibirán como agasallo un exemplar da obra.

Comentarios