martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

O vilalbés Brais Lamela gaña por terceira vez o Xuventude Crea de poesía

O xurado valorou "a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios" da obra 'A linguaxe dos outros'

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer os gañadores dos premios Xuventude Crea 2021, nos que o mozo vilalbés Brais Lamela se impuxo por terceira vez na modalidade de poesía, galardóns aos que suma outros dous recoñecementos previos en relato breve.

Brais Lamela. EPO xurado —formado por Cristina Pichel, Guadalupe Gómez Arto, Luis González Tosar, Xosé Luna Sanmartín, Víctor Manuel Furelos Guillén e Pilar Tamerón Montesinos— valorou, entre os 38 orixinais recibidos, "a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios" da obra pesentada por Lamela, A linguaxe dos outros, pola que recibirá unha gratificación económica de 3.000 euros.

Este recoñecemento entra a formar parte da longa lista de premios colleitados por Brais Lamela dende que comezara a xuntar palabras con oito anos. Así, entre outras moitas distincións, tamén se fixo co galardón poético do Xuventude Crea en 2015, con Memorias dun cuarto afincado en nevermore, e en 2018, grazas á obra A casa de Ester.

Neste mesmo certame, pero en relato curto, impúxose tamén en 2015, con Barcos de palma de Ecuador, e en 2017, con Angelus Novus.

Na convocatoria deste ano, os 1.500 euros do segundo premio en poesía foron para Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil, mentres que Aprender a respirar lle reportou o bronce e 1.000 euros á santiaguesa Navia Rivas Castro.

O certame convocado pola Xunta para fomentar a creatividade entre os máis novos e aberto á participación de mozos e de mozas entre os 16 e os 30 anos, conta cun total de 14 categorías.

Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de Deus na modalidade de relato curto, na que concurrían 13 orixinais. O segundo posto foi para Adrián Noia Vázquez, de Santiago, e de terceiro quedou Aarón Barreira Diz, de Culleredo.

En videocreación impúxose Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, coa obra Peixe; seguido de Mario Fernán Fernández Filloy, do Carballiño; e de Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, e Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, que compartiron o terceiro posto.

Misery, de Holees Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros, dominou na categoría de creación de videoxogos. A prata foi para o Team Valico dos vigueses Iván Fernández e Luis D.Lobo e o bronce, para as integrantes de Osfados, as cambadesas Alba Paz e Alison Dieste.

En teatro, o grupo compostelán de Santiago Mevadeus gañou coa obra Agro 5g, mentres que o segundo posto foi para As Catro, de Vigo, e o terceiro para os tamén vigueses Xebra.

Ademais, están pendentes de ditaminar os gañadores nas especialidades de moda, deseño de xoias, fotografía, artes plásticas, música, graffiti, banda deseñada, danza moderna e cociña.

O vilalbés Brais Lamela gaña por terceira vez o Xuventude Crea de...
Comentarios