domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Vilalba retoma a programación cultural con 14 actos ata finais de abril

Unha adaptación da poesía de Rosalía a cargo da cantanta Uxía abre o día 27 un calendario con concertos, teatro, circo, danza e monólogo

O Concello de Vilalba retoma a súa programación cultural case dous meses despois e faino con 14 actos fixados para o presente mes e para os vindeiros de marzo e abril e que terán lugar no auditorio municipal.

A oferta inclúe varios concertos de estilos musicais moi diversos, espectáculos circenses, teatro, danza, poesía e un monólogo, estando gran parte dos eventos dirixidos ao público familiar.

O calendario de eventos arrincará este sábado 27, as 19.00 horas, cun concerto da cantante galega Uxía, que ofrecerá no escenario, baixo o título de ‘Rosalía pequeniña’, unha adaptación da poesía de Rosalia de Castro para os máis novos.

A primeira fin de semana de marzo contará cunha dobre actuación, ambas as 19.30 horas. A primeira será o venres 5, a cargo da compañía Rolabola, que ofrecerá o seu espectáculo circense ‘Rock Cirk’, galardoado co Premio Nacional de Circo en 2017. O domingo 7 será o turno do dúo artístico Aldaolado, composto polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que en ‘O benquerer(se)’ abordan a igualdade de xénero con música, poesía e humor.

O grupo Zënzar presentará o seu novo disco, ‘Benvidas ao futuro’, o 12 de marzo e Leilía fara o propio co seu traballo conmemorativo polo seu 30 aniversario, ‘CantarELAS’, o 26. Ambos concertos darán comezo ás 20.00 horas.

O teatro será o protagonista os días 19 e 27 de marzo, con ‘32 m₂’, unha proposta teatral sobre o confinamento de Butaca Zero, e ‘A lingua das bolboretas’, a adaptación da obra de Manuel Rivas, respectivamente. O mes de marzo pecharase co que será o primeiro concerto do ano 2021 da Orquesta Gaos, cun dobre programa con obras de Haydn e Klaus Simon, o martes 30.

Danny Boy-Rivera, guionista do programa ‘La Resistencia’, abre os actos de abril o sábado 3, ás 19.30 horas, co seu monólogo ‘¡Stand-up!’. O 9, a compañía de danza Baal ofrece ‘Miramiró’, un espectáculo sobre a obra de Miró enfocado aos máis pequenos. Tamén para o público infantil e familiar é ‘Y ahora qué?’, de Puntocero, un espectáculo circense premiado no Festival Artescena de Ávila en 2017, fixado para o 10.

A Swing Machine Orchestra, formada por doce músicos e bailaríns de Cuba, Honduras, Arxentina e España, levará ao auditorio vilalbés o 17 de abril o ritmo frenético dos anos 30. O teatro volverá o día 24 con ‘La niña azul’, para público familiar, que conta a historia real da artista Katia Acín, unha nena pintora que abandona a súa vocación tras o fusilamento dos seus pais ao inicio da Guerra Civil. O programa pecharase o venres 30 co concerto do dúo Verto.

COMPRA DE ENTRADAS
As entradas para todos estes espectáculos teñen un prezo de tres euros, agás as dos concertos de Zënzar, Leilía e Verto e do monólogo de Danny Boy-Rivera, onde será de cinco. Poden reservarse —máximo de dúas por persoa— na web www.entradasvilalba.es ou na casa da cultura.

Vilalba retoma a programación cultural con 14 actos ata finais de...
Comentarios