lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Vilalba réndese ao feito a man

Un dos postos de instrumentos da Feira de Artesanía de Vilalba. S.IGLESIA
Un dos postos de instrumentos da Feira de Artesanía de Vilalba. S.IGLESIA
A cuarta edición da Feira de Artesanía conxugou a música cos 16 postos de diversos oficios autóctonos que abriron este domingo de novo

O cicel volveu soar, o torno volveu xirar e as pandeiretas marcaron o compás na praza da Constitución co regreso da Feira de Artesanía, que estes días cumpre a súa cuarta edición estreando nome, Vilalba Feita a Man.

Un total de 16 postos espallados por toda a praza —ademais da exposición do Iescha— mostran os resultados dos oficios de sempre traídos á actualidade. Pendentes e colares de resina que esconden fieitos, chaveiros de lá, punteiros elaborados con madeiras de aquí son algúns dos artiluxios que hai, pero tamén prendas que nacen do bo facer das mulleres de Insua e do liño, debuxos que talla Marcos Ladra, xoguetes ou abalorios e complementos en coiro.

Todos os artesáns concordaban na boa distribución do espazo, agora ao aire libre, e iso que moitos son veteranos, como é o caso de Lourdes Otero, que tecía sen parar desde o seu posto de Fusaiola mentres animaba aos vilalbeses a desfrutar da feira: "Que participen nas cousas da vila para que medre, que ningún de nós vive da política", dicía unha muller que valoraba que "o que aquí se trae é feito artesanalmente".

Tamén a santaballesa Iria Pigueiras, de Imavi, destacaba que "a xente que vén está interesada no que ofrecemos", que no seu caso eran coleccións, cada unha coa súa historia, de complementos feitos con porcelana e con flores encapsuladas ou prensadas.

Con complementos acudiu tamén Vanesa Gómez, de La madrina de Candela, de Ordes. Para ela este é o primeiro ano e as sensacións son moi boas: "A xente está con ganas de saír", apuntaba unha moza que coñeceu esta feira grazas "ás amigas de Denais", e que considera estas citas "claves para medrar como marca".

Obradoiro de baile tradicional e foliada con Montse Rivera. S. IGLESIA
Obradoiro de baile tradicional e foliada con Montse Rivera. S. IGLESIA

Chegado co seu torno desde Porto do Son, Xosé Piñeiro ensinaba por primeira vez a Vilalba as gaitas, culleres ou castañolas que elabora con "madeiras autóctonas, nunca exóticas", como o buxo, o espiño ou a uz. "De pequeno apunteime a unha escola de gaitas e meu pai era torneiro, así que chegou un momento no que se me encendeu a luz", lembraba dos seus inicios no oficio este artesán que non dubidará en volver o ano que vén. Igual que Isabel Oliveira, lisboeta de nacemento e vilalbesa de adopción, que ofrece bordados, velas ou diademas. "Vin para aquí polo meu marido e agora adícome ao que sempre quixen, as manualidades", dicía tralo mostrador.

Entre todos eles, José Gómez de Bernardo, Pepón, afanábase en domar unha gran peza de granito para que acabe sendo unha pandeireta que tocará a man de buxo á que dá forma Clara Naseiro. Os dous vilalbeses fan unha demostración coa que trasladar a esencia desta convocatoria: "Será un recoñecemento ás pandeireteiras da Terra Chá e á música en xeral". E se algo houbo onte foi música, coa asociación cultural Andrade e De Vacas, ademais dos obradoiros de Montse Rivera.

Este domingo os postos abriron de novo de 10.00 a 15.00 horas e volveu haber festa, desta volta co pasarrúas de Cerna de Árbol e a actuación de Brúa ás 13.00 horas.

Vilalba réndese ao feito a man
Comentarios