Vilalba réndelle homenaxe este sábado á matroa Concha da Reina

Inaugurarase unha escultura, creada por José Gómez de Bernardo e Luz Airado, no parque localizado nas inmediacións da escola infantil municipal
Luz e Pepón, na creación da escultura. EP
photo_camera Luz e Pepón, na creación da escultura. EP

As primeiras mans... Así comeza e remata o poema que vilalbesa Luz Airado escribiu ex profeso para incorporar na escultura que o canteiro José Gómez de Bernardo, Pepón, deseñou, por encargo do Concello de Vilalba, en memoria de Concepción Braña Rey (1900-1986), Concha da Reina, matroa vilalbesa que exerceu durante máis de catro décadas e abriu o camiño para moitas outras, coma Beni Bartínez, a actual matroa da capital chairega, pregoeira das festas de San Ramón e Santa María 2022, en cuxa programación se enmarca tamén esta homenaxe, que terá lugar este sábado, ás 12.00 horas.

Beni estará presente no acto en representación tanto propia coma das asociacións de matroas galega e española. Familia, veciños ou representantes do colexio de enfermería tampouco se prederán este merecido tributo a unha muller "pioneira no seu traballo", tal e como destaca a alcaldesa, Elba Veleiro, que lembra que Concha foi unha das primeiras tituladas de España.

A maternidade, en xeral, e concretamente o nacemento da súa filla Xoana, no que estivo presente, inspiraron a peza creada por Pepón, tallada nunha pedra de granito de seis toneladas. O canteiro quería incluir uns versos e pensou en Luz, poeta e nai coetánea á súa parternidade. Contactou con ela e atopáronse con que, sen falalo previamente, os dous tiñan ideas complementarias sobre a visión da obra, polo que foron traballando en conxunto a partir desas ideas.

O resultado deste labor creativo a catro mans presentarase o sábado no contorno do parque infantil localizado ao carón da escola infantil municipal e preto da Galiña Azul, un emprazamento que a Luz e a Pepón lles parece "moi apropiado", pola estreita vinculación de Concha coa infancia e con numerosas xeracións de chairegos.

Comentarios