Vilalba rende tributo a don Uxío, o "santo do amor", pola súa xubilación

O párroco de 93 anos, ordenado en Roma en 1953, marchará para Mondoñedo tras máis de dúas décadas na capital chairega
Uxío García Amor recibe o aplauso dos asistentes, postos en pé, na homenaxe celebrada na igrexa parroquial de Santa María de Vilalba. C. PÉREZ
photo_camera Uxío García Amor recibe o aplauso dos asistentes, postos en pé, na homenaxe celebrada na igrexa parroquial de Santa María de Vilalba. C. PÉREZ

A humildade. A tolerancia. O traballo. A xenerosidade. A sinxeleza. O agarimo. As coplas. O entusiasmo. A escoita atenta. A dispoñiblidade. A implicación. A cultura. A bonhomía. A presenza. O sorriso. Sempre o sorriso. Porque se hai un rasgo distintivo en Uxío García Amor, párroco da unidade pastoral de Vilalba os últimos 22 anos, é ese sorriso do que volveu facer gala no acto de homenaxe celebrado este domingo na igrexa de Santa María, onde Xulio Xiz aseguraba que se había un "santo do amor", ese tiña que ser Uxío.

Aos seus 93 anos, despídese da reitoral vilalbesa e marcha para Mondoñedo, "onde o é todo", detacaba Xiz. Alí seguirá traballando, como el mesmo dixo, pero a outro ritmo. E en Vilalba han botalo de menos. Asegurábao Mati, que falou en nome da comunidade, facéndose eco das voces de "tristura, loubanza e agradecemento" que non deixaron de oírse pola rúa dende que se soubo que se ía. "Todos falan de don Uxío con agarimo", engadía.

O Papa Francisco dedicoulle unhas palabras ao coñecer a don Uxío, cualificándoo como o "abuelito de todos los curas"

E como exemplo, as palabras que lle dedicaba Nieves, que abría o acto lendo uns poemas do propio Uxío, do libro Versos en mi vida, e tamén eses colectivos para os que el sempre estivo aí. "A un sacerdote de esta magnitud y generosidad no hay palabras para definirlo", decían dende Mans Unidas, mentres que o grupo de catequistas se refería a el como un "peregrino da vida ao servizo dos irmáns". E dende a asociación de viúvas incidían no seu bo facer e aproveitaban ademais para despedir a outro párroco da unidade vilalbesa, Juan Pablo Alonso Rolle -marcha para As Pontes-, que foi o encargado de condudir o acto.

A este agradecéronlle a peregrinación a Roma en 2019, unha viaxe que lle permitiu a Uxío cumprir a ilusión de volver a onde estudou e onde se ordenaba o 19 de marzo de 1953, na catacumba de San Calisto. Alonso lembrou que Uxío recoñeceu o lugar polos mosaicos do chan e tamén as palabras que lle dedicou o Papa Francisco ao coñecelo, cualificándoo como o "abuelito de todos los curas".

Estes foron uns dos moitos recordos e anécdotas compartidos mentres se ían vendo imaxes da vida familiar, social e sacerdotal de don Uxío, comentados por propio Uxío, polos familiares que acudiron á homenaxe ou por Alonso.

Un televisor, unha radio, un reloxo dixital e un centro con 22 rosas, unha por cada ano en Vilalba, foron os agasallos materiais, sumados ao cariño compartido e á ovación dunha igrexa posta en pé. Un aprezo que se pode ver tamén nos testemuños xa recollidos na web (uxiogarciaamor.org), que veñen de dedicarlle o colectivo Egeria e o Concello de Trabada.

Un televisor, unha radio, un reloxo dixital e un centro con 22 rosas, unha por cada ano en Vilalba, foron os agasallos materiais

Xulio Xiz animaba onte a sumarse a ese tributo aberto e a disposición de "urbi et orbe". Na web repásase a "vía láctea" que deixou en Trabada, Roma, Muras, As Pontes e Vilalba, o seu labor docente e tamén musical -mantivo viva a Coral Polifónica Vilalbesa-, ou as homenaxes recibidas -é fillo predilecto de Tradaba, Chairego de Honra, socio de honra do Iescha, Prelado Doméstico da súa Santidade...-. E aínda merecería máis, como incidiu Juan Pablo, que reiterou a petición para nomealo fillo adoptivo de Vilalba.

E como se responde a tantas mostras de cariño? "Tería que dicir tantas cousas", dicía don Uxío, "de corazón". Non esperaba tanto. Contaba cun acto pequeniño. Esqueceu as coplas que compuxera e ante tantas loas, quixo facer ver as súas "debilidades". E reiterou esa palabra que sempre o acompaña: "Graciñas". A vostede, don Uxío.

Comentarios