domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

Vilalba homenaxea a Uxío García Amor, «un home xeneroso e humilde»

Uxío García Amor foi homenaxeado polo seu 90 aniversario. MARTA MANCEBO
Uxío García Amor foi homenaxeado polo seu 90 aniversario. MARTA MANCEBO

O párroco, natural de Trabada, presidiu unha multitudinaria misa na igrexa parroquial de Santa María polo seu 90 aniversario

Vilalba rendeu o sábado unha emotiva homenaxe ao crego Uxío García Amor, "un home xeneroso e humilde". Así o definiu o rexedor, Agustín Baamonde, no transcurso dunha multitudinaria misa oficiada na igrexa parroquial de Santa María con motivo do seu 90 aniversario, e na que estivo arroupado por unha vintena de sacerdotes, ademais de fieis, familiares e moitos amigos.

"Hoxe é un día radiante e feliz para Vilalba. O noso crego cumpre 90 anos", sentenciou Baamonde, quen o cualificou como "un home de igrexa, pero tamén do pobo, cumprindo sempre cunha función social e no medio das súas xentes".

"Uxío ten gañada esta homenaxe, non hai nada gratuíto. É un gran home polo que reparte: sabedoría e exemplaridade. Aos seus 90 anos sempre nos ensina algo novo cada día, pero tamén é capaz de seguir aprendendo", engadiu o alcalde de Vilalba, quen quixo entregarlle un agasallo para conmemorar esta emotiva xornada, desexándolle ademais "longa vida e que cumpra outros 90 máis se Deus quere".

Ademais de Baamonde, tamén estivo presente durante a homilía a rexedora de Trabada, Mayra García Bermúdez, e outros membros da corporación municipal do concello natal de García Amor, onde lle gardan moito cariño e do que é Fillo Prelidecto.

Tamén quixeron deixar testemuño dese grande afecto cara ao párroco os fieis de Vilalba e doutros concellos limítrofes -había xente de Muras e incluso das Pontes, onde García Amor exerceu como crego en diferentes etapas ao longo dos seus 65 anos de servizo relixioso-, facéndolle entrega, na man de Cheri Grandío, dun reloxo.

·Querer e deixarse querer é o que estou experimentando, o que estou sentindo hoxe nesta concorrencia tan excepcional e entrañable·, dixo o crego, "agradecido" por chegar aos 90 anos "sendo útil" e por poder "compartir con todos vós, aos que vos teño un grande aprezo, esta eucaristía".

Tralo seu discurso, todos os asistentes romperon nun sonoro aplauso, que se prolongou durante máis dun minuto, e que amosou o agarimo, respecto e grandísimo afecto que todo o pobo de Vilalba sente por Uxío García Amor, un crego implicado coa sociedade e coa cultura.

A xornada festiva prolongouse cun animado xantar de irmandade celebrado no restaurante Montero ao que asistiron ao redor de 200 persoas.

Vilalba homenaxea a Uxío García Amor, «un home xeneroso e humilde»
Comentarios