Vilalba Feita a Man despídese con gran afluencia de visitantes

A pandeireta de granito con man de buxo de Pepón e de Clara Naseiro vai ser adquirida polo Concello para expoñer nun lugar público
Clara Naseiro, traballando na obra consunta con Pepón. S. IGLESIA
photo_camera Clara Naseiro, traballando na obra consunta con Pepón. S. IGLESIA

O tempo de verán que acompañou esta fin de semana animou a Feira de Artesanía de Vilalba que, no seu regreso tras a pandemia, estreaba novidades. Non só o seu novo nome, Vilalba Feita a Man, ou o seu logo, protagonizado pola Pravia, senón tamén pola esencia da cita, xa que nesta ocasión estivo marcada por unha temática, a música e o baile tradicional. Onte despediuse por todo o alto, cun grande éxito de visitantes que se achegaron á praza da Constitución desde a súa apertura e que gozaron tamén do atractivo da feira mensual.

A música e o baile tradicional foron a liña que seguiron os artesáns Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo Pepón á hora de construir a peza que lles foi encargada polo Concello. Unha pandeireta con granito en lugar de coiro e lousa en vez de ferreñas, acompañada dunha man de buxo, foi o traballo que sacaron a diante os dous vilalbeses ao longo deste sábado e domingo, nunha representación que chamou a atención de veciños e de curiosos que non dubidaban en facer un alto no seu percorrido de posto en posto para ver traballar os ciceis de Pepón e de Clara.

"A pandeireta xa soa, que con esa idea se fixo, pero hai que saber tocala", dicía entre risas a artesá santaballesa mentres collía a súa peza de buxo, aínda sen rematar, para darlle uns toques ao gran bloque de pedra do que xa se intuía o que ía saír.

E non foi a única en probar con este curioso instrumento. As tres integrantes do grupo De Vacas, que actuou na tarde do sábado como reclamo musical no templete da praza, tamén se animaron a facer soar o curioso instrumento que, unha vez rematado, será adquirido polo Concello de Vilalba para a súa posterior colocación nun lugar público. "Aínda non sabemos o lugar exacto, pero probablemente instalaremos a peza xunto do auditorio", avanzaba a edila de feiras e mercados, Antía Rama, "máis que satisfeita" do resultado desta convocatoria. "Fomos cambiando algunhas cousas e creo que demos co punto. Tamén é certo que nos favoreceu o tempo, pero vimos á xente moi animada, con moitas ganas de saír», engadía a concelleira.

ANIMACIÓN. E é que nesta ocasión optouse por facelo ao aire libre, algo que os propios participantes —un total de 16 postos— valoraron especialmente, ademais de engadir unha exposición de fotografías facilitadas polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), actuacións musicais e obradoiros que animaron ambas xornadas.

Na primeira foi a quenda dos xa mencionados De Vacas e da Asociación Cultural de Andrade, a quen lle colleu o relevo onte Cerna de Árbol cun pasarrúas que deu pé á actuación de Brúa. Tamén Montse Rivera, de Leilía, achegou as normas básicas dunha muiñeira e dun serán.

"Se á xente lle dás sempre o mesmo acaba por non vir, por iso quixemos incluír iniciativas novas e que os que participaran fosen artesáns artesáns; preferimos traer menos e bos que moitos e malos", apuntaba Antía Rama, coa idea de atraer en vindeiros anos a máis nomes dos oficios tradicionais.

Tanto é así, que o Concello vilalbés xa ten a vista posta na próxima edición, para a que, segundo a propia Rama, "xa temos algunha idea, porque falando cos artesáns tamén nos foron orientando".

Comentarios