Vilalba crea un catálogo de 450 elementos presentes no Camiño no casco urbano

O Concello impulsa un proxecto que servirá de guía para mellorar a imaxe da vila na ruta xacobea, desde o polígono ata Ponte Rodríguez
Dos peregrinos se protegen de la lluvia con sus chubasqueros a su paso por O Cebreiro. EFE
photo_camera Dous peregrinos no Camiño de Santiago. EFE (ARQUIVO)

O Concello de Vilalba avanza na redacción da estratexia de acondicionamento do Camiño de Santiago creando un catálogo que reúne 455 elementos presentes na ruta xacobea ao seu paso polo casco urbano, concretamente desde a entrada do polígono empresarial ata a Ponte Rodríguez.

O obxectivo deste plan é "crear unha liña de deseño que nos indique cal é a situación dos edificios, que resalte os aspectos positivos que hai e que se estableza unha serie de recomendacións para poder actuar onde sexa necesario", explicou o concelleiro de infraestruturas e urbanismo, Luis Fernández, quen engadiu que en ningún caso se procederá a actuar sobre propiedades privadas -neste caso só se aportaran recomendacións-, pero si se fará sobre edificiacións de titularidade municipal, como pode ser o antigo matadoiro "que se atopa nun estado desastroso en pleno Camiño e que ten unha fonte que se podería aproveitar".

Estas 455 fichas únicas, nas que se analiza a situación de elementos arquitectónicos e naturais e de espazos públicos, recollen o grao de singularidade, a tipoloxía e o nivel de conservación, tal e como especifican desde o Concello, así como "datos sobre elementos que interfiren de xeito negativo na percepción dos mesmos, tales como cableado en fachada", problemas de iluminación, seguridade ou sinalética dentro do percorrido. "Non pode ser que un peregrino chegue a Vilalba e se atope con zonas non seguras ou co Camiño mal indicado", engadiu o edil.

Nese sentido, Luis Fernández avanzou que o Concello está disposto a colaborar coa Xunta de Galicia en todo o que ao Camiño de Santiago se refira, se ben asegurou que para executar estas melloras, que non se realizarán ata 2021, "é imprescindible que os trámites burocráticos sexan áxiles".

Unha vez rematado o proceso de diagnose, a fase de proposta será coordinada coas propostas do Estudo de Mobilidade e Espazo Público (Eme), "a fin de evitar diverxencias e contradicións", sinalan desde o goberno local.

MÁIS DE 300 ENQUISAS. Tras dous meses de traballos, rematou a medición de fluxos de tráfico rodado e peóns en varios puntos de Vilalba para o Eme e contabilizáronse 322 enquisas cubertas pola veciñanza, cuxo 72% se corresponde con residentes na vila e o 28% de parroquias e núcleos da contorna.

A seguinte fase do plan será a realización de entrevistas a axentes clave da mobilidade.

Comentarios