Vilalba conta co único centro de alzhéimer da comarca chairega

Un total de 14 usuarios utilizan o servicio, xestionado pola Fundación Hospital Asilo 

Centro de alzhéimer. Transp
photo_camera Centro de alzhéimer de Vilalba. EP

O día 1 de agosto do ano 2017 inaugurouse en Vilalba o primeiro centro de alzhéimer da comarca chairega, un centro promovido pola Fundación Hospital Asilo e específico para persoas diagnosticadas con esa enfermidade que borra a memoria ou con outro tipo de enfermidades neurodexenerativas. E hoxe son 14 os usuarios que acoden a diario; case o 100% da oferta nun centro que dispón de 15 prazas. 

Abriu despois dunha longa loita para conseguir fondos para facer as prazas máis asequibles aos usuarios —para que o servizo non sexa deficitario sairían moito máis caras—. Cinco están subvencionadas polo Concello de Vilalba e outras cinco pola Xunta.

"Realizamos actividades distintas a las de un centro de día normal porque aquí hay un servicio y una atención más especializada", explica Mónica Pardo, a responsable do centro, que incide en que un dos obxectivos é frear ao máximo a evolución da enfermidade. E como as necesidades son superiores, a ratio de persoal tamén. 

Aínda que o equipo técnico é compartido coa residencia de maiores do Hospital Asilo, o centro de alzhéimer conta con traballador social, psicólogo, educador, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta, a maiores do equipo de enfermería e do médico.

"Es un servicio muy interesante que permite evitar la institucionalización precoz, porque los mayores se mantienen en su entorno y en su ambiente familiar no hay una ruptura", explica a responsable do centro, que destaca tamén unha coordinación moito máis fluída coas familias debido a un trato máis diario. 

O centro de alzhéimer abre as súas portas de 08.00 a 20.00 horas, aínda que o máis demandado é de 10.00 a 18.00, e inclúe almorzo, comida e merenda, con persoal xerocultor propio. 

Dentro das actividades programadas, organízanse obradoiros de capacidades cognitivas e de actividades básicas e instrumentación da vida diaria, xerontoximnasia ou exercicios terapéuticos e motricidade; todas no ámbitos da terapia ocupacional. 

Pero tamén se traballa a través da psicoloxía —a orientación á realidade, a estimulación cognitiva e a memoria, as praxias ou os procedementos aritméticos e numéricos— e realízase rehabilitación individual e ximnasia co servizo de fisioterapia. 
Pero non é o único. O día a día complétase con actividades lúdicas, como xogos ou musicoterapia, traballos no xardín ou saídas por Vilalba, ademais dalgunha excursión. A Charca do Alligal ou A Madalena son frecuentadas agora no verán. 

Comentarios