O Concello de Vilalba e a Asociación de Criadores do Capón de Vilalba organizan o vindeiro día 21 de decembro a tradicional Feira do Capón, que terá lugar como é costume na Praza da Constitución.
A cita presentouse este domingo nun acto celebrado no Parador de Vilalba que contou cunha ampla representación dos máis de medio cento de criadores, así como diversas autoridades, entre as que figuraban boa parte da corporación vilalbesa encabezada pola alcaldesa, Elba Veleiro; a deputada provincial de turismo, Pilar García Porto; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o xefe territorial de Presidencia en Lugo, Gerardo Criado; ou o presidente do Apehl, Cheché Real.
A concelleira de Feiras, Antía Rama, adiantou o programa, ao tempo que agradeceu a implicación e o bo facer dos criadores, en nome dos que falou María José López, quen lamentou a falta de relevo xeracional para garantir a continuidade desta tradición centenaria.

Cheché Real lembrou a promoción que dende a entidade que preside se fai da raza Mos naqueles actos nos que teñen presencia, incidindo en que é "excelencia na gastronomía". "O capón é un dos selos de identidade do noso concello, representa unha tradición centenaria", destacou pola súa banda a alcaldesa, Elba Veleiro.
Tamén dende a Deputación se busca promocionar o capón e a súa feira sempre que é posible, como lembrou Pilar García Porto, por ser "un sinal de identidade dos vilalbeses, e tamén de todos os veciños da provincia". Por elo nesta ocasión contribuiron a súa posta en valor cun vídeo promocional que aborda non só a feira e o valor gastronómico do capón, senón tamén todo o seu proceso de crianza ao longo de oito meses.
11.30 horas Entrega de premios a criadores (mellor cesta, par, criador e maior número de capóns) e sorteo do mellor par entre os asistentes que se rexistren previamente na caseta da organización
12.30 horas O cociñeiro Antonio Díaz e o seu equipo ofrecerán na súa foodtruck unha degustación gratuíta de tres elaboracións de capón ata esgotar as 300 racións dispoñibles