Vilalba asinará un acordo con Garatuxa para que se faga cargo dos cans perdidos

A asociación Os Peludiños, que cesou na súa colaboración co Concello, segue a coidar os dez animais que había na canceira
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Canceira municipal de Vilalba

O Concello de Vilalba ten previsto asinar un acordo de colaboración coa residencia de mascotas Garatuxa de Outeiro de Rei para que esta se faga cargo dos cans perdidos que se atopen no municipio chairego.

O concelleiro de medio rural, medio ambiente e emprego, Ignacio Criado, explicou que o documento está en trámites, se ben quedou pendente rematar de concretalo ao declararse o estado de alarma. Aínda así, como destaca o edil vilalbés, a colaboración xa se iniciou, pois dende Garatuxa xa se fixeron cargo dalgún can abandonado que foi localizado no concello nas últimas semanas.

"Optamos por Garatuxa porque é un centro que traballa ben, falamos con eles e cando esto se normalice asinarase un convenio ou contrato", explica Criado, que precisa que polo momento non se estipulou a duración de este acordo nin o importe que se abonará pola prestación do servizo.

Dende o Concello apuntan tamén que esta solución temporal lles permitirá estudar con calma as opcións, comprobando se é unha fórmula que funciona e se pode prolongar no tempo ou se pola contra sería preferible contar cunha canceira municipal.

O concelleiro vilalbés explica que o Concello recolle o animal, que permanece durante dez días na canceira local e, se ninguén o reclama neste tempo, este trasladaríase a Garatuxa.

Porén, Criado lembra que agora mesmo todos os habitáculos da canceira vilalbesa están ocupados por cans que xa levan alí moito tempo, dos que precisa que dous foron adoptados, aínda que polo momento non poideron ser entregados dada a situación derivada da declaración do estado de alarma.

Estes animais dependen da asociación Os Peludiños, que se facía cargo do coidado da canceira ata que hai varios meses, por discrepancias co Concello, as súas voluntarias que atendían desinteresadamente aos animais renunciaron a seguir facéndoo, se ben se comprometeron a atoparlle un fogar a todos os exemplares que nese momento había na canceira vilalbesa.

As tres integrantes da directiva tamén manteñen a súa actividade en redes sociais, "porque no que remos que desaparezca la asociación", dende onde seguen co seu apoio á adopción dos animais.

Comentarios