lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Viladonga, escenario musical

Asitentes á estrea do videoclip 'Proxecto Viladonga'. C.PÉREZ
Asitentes á estrea do videoclip 'Proxecto Viladonga'. C.PÉREZ

O IES da Terra Chá de Castro estreou en Vilalba un videoclip para educar en valores, cunha versión da canción 'Hallelujah' de Cohen, no que participaron 150 estudantes de tres centros

Hai cancións universais, e sen dúbida, unha delas é Hallelujah, escrita por Leonard Cohen e versionada incontables veces. Tamén na Chaira. Benito Buide, profesor de Música do IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea escolleuna en 2017 para gravar unha coreografía co alumnado no corredor do centro, unha iniciativa que se recuperaba este curso, dando pé ao "Proxecto Viladonga".

O videoclip, gravado no xacemento arqueolóxico de Castro de Rei o pasado mes de maio, estreábase este venres no auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba coa presenza de todos os implicados nesta iniciativa que, como di o seu impulsor, persegue o obxectivo de "educar en valores como o esforzo, a igualdade, a diversidade, a comunicación e a colaboración".

Un grupo de alumnos e mestres son os encargados de poñer a voz e a música nesta versión do tema, mentres máis dun cento de estudantes interpretan conxuntamente unha coreografía inspirada nos "xogos de palmas infantís levados a súa máxima expresión". Formando unha cadea humana sentados en candasúa cadeira, coma se fosen un muro máis dos do castro, os "bailaríns" marcan o ritmo da canción cos seus corpos, coas súas mans.

"Comparten un espazo e un tempo entre todas e todos máis alá das súas diferenzas, comunícanse entre eles, conviven, colaboran e esfórzanse para que o resultado sexa o máis preciso posible", resume o coordinador do proxecto, que destaca que esta experiencia tamén contribúe a desenvolver a capacidade de escoita dos rapaces e a súa psicomotricidade.

O Castro de Viladonga converteuse nun escenario único no que uns 150 alumnos, tanto do instituto de Castro de Ribeiras de Lea coma do IES Río Miño de Rábade e do CPI Luis Díaz Moreno, lle deron vida a este traballo de interpretación, gravado coa colaboración de alumnos e profesores dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Non foi o único apoio co que contaron, xa que tamén sumaron o da Xunta, o do persoal do Museo do Castro de Viladonga ou o do Concello de Castro de Rei, xunto co de diversas empresas. Ademais, o equipo do arquivo sonoro da TVG e a empresa 8 Estudios de Lugo, responsabilizáronse da gravación do audio.

A estrea, que tivo a un alumno de Castro, Sergio Peteira, como mestre de cerimonias, e na que houbo nervios, ilusión e moitos aplausos, contou coa presenza non só dos protagonistas do "Proxecto Viladonga", senón tamén das institucións implicadas. Así, estiveron a xefa territorial de Cultura, María José Gómez; o deputado provincial de cultura, Eduardo Vidal, e concelleiros de Castro de Rei e de Vilalba, que felicitaron a todos os participantes polo "magnífico traballo" realizado, destacando a importancia deste tipo de experiencias colaborativas.

Viladonga, escenario musical
Comentarios