Viladonga ensina labores de sempre

Máis de 800 escolares participan este trimestre nos tres talleres que ofrece o museo: tecido, lume e cerámica
Un grupo do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, un do Ceip do Muras, un do Ceip A Magdalena e outro do Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo. EP
photo_camera Un grupo do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, un do Ceip do Muras, un do Ceip A Magdalena e outro do Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo. EP

Máis de 800 escolares pertencentes a máis dunha vintena de centros educativos, tanto colexios coma institutos, acoden dende abril ata xuño ao Museo do Castro de Viladonga para participar nalgún dos obradoiros que dende a entidade se organizan por estas datas para amosar as formas de facer de antes, moitas delas con vixencia a día de hoxe, leccións que se complementan coas tradicionais visitas ao xacemento e as salas de exposicións.

O divertimento está asegurado, pero ademais estas actividades permiten achegarse dunha maneira práctica e visual ao legado dos antergos. "Todo o que temos debémosllo aos nosos antepasados", din Benito Vilas e Darío Peña, de Árbore Arqueoloxía, que percorreron os máis de 150 quilómetros que separan Campo Lameiro (Pontevedra) de Castro de Rei para amosar "como se facía lume ao longo do tempo, dende o Paleolítico á actualidade, e o avance que isto supuxo".

"O lume está presente dende os primeiros homínidos", explica, detallando o uso de paus, pedras, o eslabón —precursor do mechero—, o arco ou o taladro —volante de inercia— a través de diferentes técnicas que os estudantes poideron ver como funcionan e tamén probar a súa destreza con elas. Serían quen de facer lume se o necesitasen para cociñar o xantar? Non semellaba unha tarefa doada, pero houbo quen tivo éxito.

"Decidimos vir para complementar as clases de historia e coñecer in situ a cultura castrexa", explican dende o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que acudiu con máis dunha trintena de alumnos de primeiro de secundaria para participar no obradoiro de lume e descubrir o castro.

IES Díaz Castro de Guitiriz. EP
IES Díaz Castro de Guitiriz. EP

"Esta é unha forma lúdica e didáctica de relacionalo co que están aprendendo na aula, velo en vivo e en directo!, secundan dende o Ceip A Magdalena das Pontes, que mobilizou a case 40 escolares de cuarto de primaria, que descubriron as distintas construcións do xacemento, o porqué das súas distintas formas e os seus usos, ademais de facer exercicios nas distintas salas expositivas do museo e, por suposto, xogar co lume.

En total, case 300 alumnos tomarán parte ata o 16 de xuño neste obradoiro, que se relaciona con outro dos que se imparte este curso. Se o lume foi básico para quentarse ou cociñar, igualmente clave foi a cerámica

Ceip A Magdalena. EP
Ceip A Magdalena. EP

"Ides facer cerámica como facía a xente no castro", indica o artesán Pablo Mazoi, unha cara de sobra coñecida en Viladonga que nesta ocasión se centra en ensinarlles como facer "unha peza á man, que despois poden levar para a casiña de recordo", a unha vintena de escolares de terceiro de primaria do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo

Otro grupo de Ribadeo. EP
Otro grupo de Ribadeo. EP

"Vimos todos os anos, porque é unha visita que lles gusta bastante", precisan dende o centro, mentres os nenos e as nenas se aplican en tentar dominar e darlle forma ao seu pedaciño de barro para crear unha ola propia, decorada ao gusto.

"Explícolles como traballaban os castrexos a cerámica, como se facía no principio dos tempos, coas mans, isto é máis real", detalla Pablo, que tamén ten impartido un taller de olería en torno.

"Fai anos había nenos que non sabían o que era o barro", lembra Mazoi, unha tendencia que se está a corrixir con iniciativas coma esta, pola que pasan uns 350 escolares, e co traballo nos centros, que fan actividades propias ou organizan saídas coma esta, á que tamén se apuntaron dende o pequeno Ceip de Muras, que acudía coa súa ducia de alumnos.

Ademais do obradoiro de cerámica, os escolares descubriron algúns dos segredos do castro ou a lenda da Fonte da Troita, que se di que está conectada co castro por un túnel e que o peixe que vive nela é unha princesa moura.

A oferta de obradoiros complétase con Clío Gestión Cultural. Miriam Fernández e Rubén Carricoba ensináronlles en abril a uns 230 alumnos as materias primas usadas para facer tecidos. Ademais, estreaban un obradoiro de topografía romana, no que se presentan as ferramentas usadas por estes para o estudo e o replanteo de terreos e no que os nenos poden facer prácticas para medir e trazar camiños, ademais de crear a súa propia dioptra —instrumento astronómico e topográfico que data do século III a.C.—, que poideron levar para a casa.

Formación: actividades para todas as idades
O Museo do Castro de Viladonga mantén un programa estable de obradoiros, impartidos tanto por persoal do propio centro como por distintas empresas ou persoas colaboradoras expertas en distintos ámbitos. Boa parte deles van dirixidos ao público infantil, pero tamén hai varios para adultos, tal e como detalla a técnica Pilar Iglesias Armada. 

Cerámica
Ademais do de Mazoi, o museo conta co seu propio taller para alumnos de infantil, primaria e secundaria, centrado en mostrar o proceso de elaboración á man dos obxectos feitos con arxila. A este súmase outro impartido por Terra Termarum, onde se reproduce a técnica de coción en forno aberto.

Numismática
Con esta sesión búscase achegar os escolares de primaria e secundaria ao proceso de cuñaxe de moedas no mundo romano. Faise unha introdución e logo, con pasta de moldear, imítase a cuñaxe tomando como modelo unha peza das da colección do museo.

Pallabarro
Este ano estreouse un novo obradoiro para escolares centrado nas técnicas de construción con materiais naturais, logo de descubrir a existencia delas no castro.

Arqueoloxía
Con esta actividade os técnicos do museo achegan o traballo arqueolóxico aos escolares do último ciclo de primaria e de secundaria, entregándolles un caderno de campo e unha bolsa con material —metro, compás, lapis, afila e goma—. Teñen que localizar unha determinada estrutura e pezas nas salas de exposición.

Cestería
Lola Tourón imparte dende hai varios anos un dos talleres con maior aceptación, nos que se repasan as técnicas tradicionais.

Botica
Tourón tamén se encarga do taller de botica de Viladonga, no que se fai un roteiro identificando plantas da contorna, se explica as súas propiedades e como aproveitalas.

Comentarios