domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

A vila romana de Coea, cuns 3.000 metros cadrados, é a maior localizada en Galicia

Zona dos traballos arqueolóxicos realizados en xullo e superficie analizada co xeorradar, a vista de dron. NATURGY
Zona dos traballos arqueolóxicos realizados en xullo e superficie analizada co xeorradar, a vista de dron. NATURGY
As conclusións do estudo xeofísico na zona define as grandes dimensións do xacemento e localiza outros tres asentamentos previos ► A estrutura, enmarcada entre os séculos II e IV, contaría cunha zona nobre como vivenda e outra periférica para actividade metalúrxica

As primeiras pesquisas sobre a importancia do xacemento romano atopado por casualidade no lugar dos Escouredos, na parroquia de Coea, en Castro de Rei, e no que se estivo traballando este verán víronse confirmadas nos últimos días cos resultados definitivos do estudo xeofísico, que arroxan que a vila rústica datada entre os séculos II e IV que hai na zona sería a máis grande coñecida actualmente en Galicia, ao ocupar unha superficie duns 3.000 metros cadrados.

As conclusións da prospección realizada co xeorradar -complementaria aos traballos arqueolóxicos e de campo desenvolvidos polo equipo Arkaios e promovidos pola empresa Naturgy, que acometía hai un ano un sondeo para a instalación dunha torre dunha liña eléctrica cando apareceron uns restos- non só confirman as grandes dimensións do xacemento, que xa se presupoñían nos estudos preliminares -falábase duns 2.000 metros cadrados-, senón que tamén arroxan outros datos interesantes, como a localización doutras estruturas próximas á vila, algunhas anteriores.

"A partir do lugar onde apareceron os restos ampliouse a superficie de estudo todo o que se podía e detectáronse varios momentos de ocupación e utilización vendo os trazados e tipo de estruturas que se atoparon. Cara ao noreste e cara ao sur da vila, a uns 200-300 metros, hai dous asentamentos con recintos ovoides ou circulares, definidos por unha zanxa de moita profundidade e que semellan ser ocupacións de finais da idade do bronce", explica Manuel Lestón, arqueólogo de Arkaios, onde seguen a traballar na memoria sobre os restos atopados.

A estas habería que sumar que na zona oeste hai moitas zanxas lineais, case todas rectas, moreas de escoura, algún tipo de depósito de auga e posiblemente algún forno, que podería ser de fundición. "Isto apuntaría a unha actividade metalúrxica moi forte, pero sen máis intervencións non podemos saber se é anterior ou coetánea. A nosa teoría é que quizais é anterior, viuse que era rendible e a partir de aí nace a vila", apunta Lestón, quen sinala que "ese "boom" de actividade metalúrxica" pode ter relación coa cidade de Lugo, xa que "está preto e na época está en todo o seu esplendor, é a máis importante de Galicia e precisa moita subministración".

En canto á vila, Lestón explica que se trata dunha construción dun señor que destaca na época e que a usa como residencia, permanente ou esporádica, e ten tamén unha actividade económica asociada. "Ten que haber unha parte máis nobre para uso e desfrute do dono, e que sería interesante saber onde está, e despois o resto da superficie, que sería porcentualmente a maior, dedicada á actividade metalúrxica. Polo que semella, nós estivemos traballando nunha parte produtiva, en zona periférica", sinala.

Por iso, o arqueólogo considera importante que se siga traballando nun xacemento "moi interesante de cara ao futuro e a nivel patrimonial moi destacable". "Vilas desas dimensións en Galicia non temos máis. E, ademais, o que sería o último nivel de utilización parece estar moi moi ben conservado", di.

"Se algunha administración se anima, o seguinte paso sería pasar os terreos a públicos, actuar periodicamente, mellorando e mantendo os restos, e expoñer o xacemento e deixalo á vista para que a xente o visite", propón con certa esperanza Lestón.

A vila romana de Coea, cuns 3.000 metros cadrados, é a maior...
Comentarios