A Vila das Pontes recupera o seu esplendor pasado

O barrio pontés encheuse de curiosos e visitantes na esperada Cita coa Historia, que regresou triunfante nesta sétima edición
Obradoiro de cetrería ao cargo de Lía Corax. M. MANCEBO
photo_camera Obradoiro de cetrería ao cargo de Lía Corax. M. MANCEBO

O bulicio doutrora regresou ás rúas máis antigas das Pontes, ás da Vila, polas que noutros tempos pasearon romanos e castrexos e mesmo o cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, que deixou a súa pegada en varias pontes construídas sobre o río Eume, e que lle dan nome á localidade.

Unha delas, a Ponte dos Ferros, serviu onte perfectamente engalanada como porta de entrada á esperada VII Cita coa Historia, un evento xa consolidado que regresou triunfante ao calendario despois do obrigado parón de dous anos pola pandemia.

A chuvia intermitente que se sucedeu ao longo da xornada non logrou empañar unha cita que arrincou xa o venres co pregón de Mari Pajón, e que onte estivo chea de actividades dende a mañá á tarde.

 

A Rúa dos Oficios foi unha das zonas máis visitadas, e na que os veciños e curiosos puideron desfrutar do traballo en vivo de torneiros, oleiros ou ferreiros, pero tamén doutras profesións con menos séculos nas súas costas como a tatuaxe ou a elaboración de rastas, que estiveron presentes cos postos de dous negocios locais.

Pero non foron os únicos expositores. Tamén houbo outros de artesanía, roupa, xoguetes ou alimentación, e as rúas do barrio albergaron ademais varios obradoiros guiados sobre a industria da cerámica galaica, sobre xoiería e fabricación de pezas de metal ou sobre o tecido en tear de parede romano.

E para os máis pequenos, houbo talleres de xogos xigantes e xogos de época, de deseño dun brazalete galaico e mesmo de construción dun escudo da época.

 

A agrupación local Os Feroces da Galgueira e Os Impecables de Redondela foron os encargados de poñer a nota musical a unha xornada na que tamén houbo espazo para outras disciplinas artísticas.

Así, promoveuse un espectáculo de danza con aves rapaces a cargo de Lía Corax -que tamén realizou exhibicións de cetrería, un dos principais reclamos da programación- e un teatro de guiñol con Picariños Animación que representou a peza "Aventura no Camiño dos Arrieiros".

O Museo Etnográfico Monte Caxado, ubicado no casco histórico, tamén abriu as súas portas con motivo desta sétima edición para ofrecer visitas guiadas e viaxes no tempo a través das pezas que agocha nas súas instalacións.

DESPEDIDA. O evento despedirase hoxe cun desfile das guerreiras de Lucus Icenas Miliatore e a repetición dos obradoiros de cerámica, xoiería ou tecido en tear e as exhibicións de cetrería e talleres para os máis pequenos.

O punto e final chegará coa entrega de premios do concurso de caracterización que busca animar en cada nova edición aos visitantes a desfrutar de cheo desta Cita coa Historia que quere seguir sumando capítulos.

Comentarios