viernes. 25.06.2021 |
El tiempo
viernes. 25.06.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: AS PONTES

A vila mineira reconsidera a vida sen carbón

2017 ▶ Luis Davila 
crea o primeiro mural do As Pontes enPezas
2017 ▶ Luis Davila crea o primeiro mural do As Pontes enPezas
Un ano despois de nacer A Chaira pechou a mina e converteuse nun xigantesco lago artificial. Agora é a térmica a que se despide 
Veciñanza
O suplemento A Chaira achegouse ao concello coruñés das Pontes cando sumaba 11.697 veciños. Actualmente, segundo os últimos datos do Ige, conta con 10.068. A media de idade é de 48,39 anos. 
Onde están os marcos? 
Con 249,4 quilómetros cadrados, As Pontes é o concello de maior extensión da provincia da Coruña. Limita cos concellos chairegos de Muras e Xermade, pero tamén cos coruñeses de Mañón, Ortigueira, Monfero, A Capela, San Sadurniño e As Somozas. Suma 13 parroquias: O Aparral, Bermui, O Deveso, Espiñaredo, A Faeira, O Freixo, Goente, As Pontes, Ribadeume, San Pedro de Eume, Seoane, Somede e A Vilavella. 
Quen manda aquí? 
Apenas un ano despois de que nacese A Chaira gañou o PSOE as eleccións municipais nas Pontes —estaba gobernando Víctor Guerreiro co BNG— e Valentín González Formoso acadou a alcaldía, posto no que se mantén dende o ano 2007. En 2015 converteuse, ademais, no presidente da Deputación da Coruña. 
Para botar un pé 
Pese a ser concello de interior honra á Virxe do Carme. As festas celébranse en xullo e contan coa romaría da Festa da Fraga, declarada de Interese Turístico, como colofón. Ao longo do ano acolle variadas feiras gastronómicas (grelo, fungos e cogomelos, mel e queixo, freixós...) e un amplo programa cultural.

Hai 15 anos, practicamente ninguén imaxinaba As Pontes, que aínda ostentaba o título de vila mineira, primeiro sen mina e logo sen central térmica, desvinculada completamente do carbón e da cheminea que define a súa paisaxe. Pero o paso do tempo fai ver esa imaxe cada vez máis preto.

A finais de 2007 —un ano despois de que se estreara este suplemento que integrou nas súas páxinas As Pontes coa mesma naturalidade que se intercambia a vida nos concellos limítrofes sen ter en conta as fronteiras de provincia— pechou a mina que deu de comer durante tantas décadas toneladas e toneladas de lignito pardo (concretamente 261,3 millóns) á gran fábrica, a mesma que dende fai dous anos deixou de devorar tamén a hulla, ese mineral foráneo chegado de portos afastados, para parar de repente.  E probablemente, máis pronto que tarde, despedirse.   

No xigantesco oco da mina, cinco anos despois do seu peche, inauguráronse un enorme lago artificial e unha praia. A imaxe da vila, e a dos veráns, cambiou para sempre dende ese 2012. E só nun xiro de cifras, agora 2021 preséntase como outro ano de grandes cambios e moitas incertezas, tras acadar, iso si, un novo fito para a praia pontesa de auga doce, que xa pode presumir de ter bandeira azul. A Senda da Memoria, no perímetro do lago, tamén está máis preto de acadar a volta completa aos case 18 quilómetros totais, tras inaugurarse en 2017. 

O ano 2021 avanza e a térmica camiña os seus últimos días cara a esa crónica dunha morte anunciada por Endesa a finais de 2019. Ábrese agora un horizonte distinto e As Pontes enfróntase ao adeus definitivo ao carbón, que pasará a ser historia, quizais dentro dese museo da minería que se anunciou en varias ocasións nestes últimos anos nos que o lago non foi o único cambio de imaxe.  

Neste tempo as páxinas da Chaira acolleron innumerables obras nas principais rúas do centro urbano e en inmobles e lugares: a renovación dos xardíns do Campo da Feira, a reforma da estación de autobuses ou a nave do polbo na Fraga, a despedida da Casa de Don Pedro, a nova imaxe do propio consistorio, o Ceip Santa María, o mercado municipal, a Praza do Hospital, a do Carme ou o auditorio Alovi ou a modernización dos poboados de Endesa —a eléctrica está a iniciar a renovación de servizos agora nas Veigas, o último e o máis antigo, que pasará logo a ser de titularidade municipal—. 

E albergaron moitos máis cambios e a creación de novos servizos, como o centro de día, o centro de dinamización empresarial de Seara ou o Instituto Pontés de Promoción Económica (Ippec), a nova localización do Museo Etnográfico Monte Caxado, a apertura da Aula de Reciclaxe das Campeiras ou unha pista de karts que non acaba de arrincar. 

E que por cambiar, nas Pontes, nestes últimos anos cambiou ata o acceso ao pobo, coa nova circunvalación construída pola Xunta como alternativa ao tramo da AC-861 que requiriu Endesa —unha obra que sumou tamén unha nova ruta de sendeirismo ás xa existentes na vila—, e as rúas deixaron de ser grises para convertérense nun museo ao aire libre co aplaudido proxecto As Pontes enPezas

Pero houbo cambios menos aplaudidos, como o peche do colexio Monte Caxado, e innumerables fotografías publicadas de reivindicacións e manifestacións, nas Pontes e fóra das Pontes, centradas agora todas en esixir unha transición xusta e un futuro para unha vila enerxética que se resiste a apagarse.  

Protagonista
José María López. AEPJosé María López O 31 de marzo de 2019 abriu as súas portas nunha casa da vila o Museo Etnográfico Monte Caxado, que naceu da man do presidente da fundación hai máis de tres décadas, no colexio no que foi mestre e que pechou en 2017, despois de que a Xunta decidise unificalo co Ceip A Magdalena. O museo conta, ademais de con multitude de pezas, cun amplo arquivo fotográfico. O seu responsable publica un caderno anual para divulgar o patrimonio.

A vila mineira reconsidera a vida sen carbón
Comentarios