A VIII Feira do Mel de Montaña contará cunha trintena de postos

A cita, que se celebra esta fin de semana no Viveiró, ofrece tamén cata, charlas, obradoiros e un showcooking coa cociñeira Lucía Freitas
Presentación da Feira do Mel de Montaña, na Deputación. EP
photo_camera Presentación da Feira do Mel de Montaña, na Deputación. EP

Unha trintena de postos de venda de mel e outros produtos derivados ou elaborados con el encherán a carpa da praza do Viveiró, onde esta fin de semana se celebrará a VIII Feira do Mel de Montaña de Muras.

O evento, co que colabora a área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación, foi presentada en Lugo, un acto ao que acudiron o deputado Daniel García, o rexedor de Muras, Manuel Requeijo, e a tenente de alcalde, Paula Gómez.

Tamén estiveron presentes Isabel Goti e Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente, nas Pontes, unha entidade que colabora estreitamente coa cita, que arrincará mañá sábado, ás 17.30 horas, coa cata de meles na que participan oito produtores de Muras.

O programa de mañá completarase cunha charla do biólogo e apicultor Miguel Vélez sobre a Invernada das abellas, ás 20.00 horas, seguida dunha degustación gratuíta de liscos amenizada polo dúo Pedriñas, ás 21.30.

A feira, que se abrirá o domingo ás 10.00 horas, ofrece venda de produtos, pero tamén obradoiros de cera coa Casa do Mel, un showcooking coa cociñeira Lucía Freitas, ás 12.00, e un xantar.

Pola tarde, haberá un obradoiro de cociña para os máis pequenos, ás 16.00 horas, e a entrega de premios da cata, que porá o peche á feira.

"É un evento consolidado co que fomos cumprindo os obxectivos de promocionar o mel de montaña e poñer en valor as producións locais", explicou o rexedor durante a presentación da cita.

Mentres, o deputado de Medio Rural destacou que estas iniciativas "inciden na diversificación produtiva, promovendo actividades como a apicultura que xeran rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúen ao mantemento do medio natural" e felicitou o goberno municipal de Muras por lograr, co aproveitamento do monte, "dinamizar económica e socialmente o concello".

Comentarios