A vida ao redor das etiquetas

Os preto de 40 alumnos de terceiro de Eso do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz traballan este curso sobre a súa función nos produtos de consumo e tamén na súa aplicación persoal e social
undefined
photo_camera Exposición de produtos, dentro do proxecto #Etiquetados, feita na biblioteca do IES Poeta Díaz Castro. EP

Hai moitos tipos de etiquetas. As que che dan a información dun produto, as que che colgan segundo o teu aspecto, as normas para acudir a un evento ou as que a modernidade das redes sociais trouxo consigo para indicar que esta ou aquela persoa estaba alí, sae nunha foto. As etiquetas, todas elas, forman parte do día a día e polo tanto convértense en rutina, pasando moitas veces desapercibidas. Menos para os preto de 40 alumnos de 3º de secundaria do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que están a dedicar este curso a profundar no seu coñecemento dende todas as ópticas posibles.

Fátima Castro, profesora de Xeografía e Historia, coordina esta análise do mundo do etiquetado e da influencia que exerce na sociedade, "dende o punto de vista das persoas e dos produtos", precisa, tendo tamén como finalidade a concienciación sobre o consumo responsable. E o alumnado non só aprende a interpretar a información de cada produto, senón que se trata tamén de que profunde nesta e responda a preguntas diversas, que van dende a cantidade ou os ingredientes que contén un envase ata as condicións laborais nas que foi fabricado un produto.

En parellas, e a partir dos produtos de consumo habitual que todos achegaron e cos que se elaborou unha exposición na biblioteca, o venres entregaban as conclusións da súa análise de cinco específicos —un deles unha peza de vestir— e seguir a súa trazabilidade, dende a materia prima coa que se elabora ata que chega ás casas, e todo o que rodea esa "viaxe".

Mais #Etiquetados vai máis alá, e en todas as materias do curso están a traballar ao redor do concepto das etiquetas. En Bioloxía deseñan un novo produto saudable para o almorzo ou a merenda, en Matemáticas repasan os valores nutricionais de receitas tradicionais e analizan o que consumen, en Inglés e Lingua Galega traballan as imaxes de marca e en Educación Física promoven hábitos de vida saudable e deseñan rutas.

En Lingua Castelá estudan a linguaxe das etiquetas e en Música son as etiquetas persoais as que centran as investigacións. Na titoría abordan as etiquetas sociais e a súa influencia e en Valores Éticos complementan esta temática tendo en conta o etiquetado das persoas en función do seu lugar nacemento ou de procedencia.

O Coidado: traballo por proxectos 
O IES Poeta Díaz Casto impulsa este curso un proxecto xeral no centro, denominado O Coidado, que se enmarca no seu obxectivo de fomentar o traballo por proxectos e a interdisciplinariedade. O centro xa dera algúns pasos neste camiño, unha aposta que se viu reforzada durante o confinamento, ao entender que este enfoque facilita a implicación do alumnado e a coordinación das tarefas a distancia. 

Por cursos 
Cada curso de secundaria ten o seu propio proxecto, que se traballa nas distintas materias. Así, ademais dos etiquetados de terceiro, os de primeiro realizan un Cruceiro nun transatlántico, con paradas virtuais en distintos puntos do mundo. Os de segundo inspíraranse na serie El Ministerio del Tiempo para resolver diversos retos e os de cuarto recuperan a historia de tres xeracións en Días contados.

Comentarios