Víctor Corral entrará o 11 no Paseo dos Soños de Vilalba

O artista de Baamonde deseñou parte do seu Hectómetro Literario, unha simbólica pomba que lucirá sobre unha columna de Quijada
Víctor Corral. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Víctor Corral. CRISTINA PÉREZ

Tal e como se anunciara por parte da organización e logo de cumplir coa homenaxe pendente ao poeta e editor cospeités Miguel Anxo Fernán Vello, adiada por mor da pandemia, o recoñecido escultor chairego Víctor Corral converteresase oficialmente o día 11 en Vilalba no titular do XV Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba.

Poeta, pintor, deportista, músico, escultor e amante da natureza, aos seus 84 anos o creador Víctor Corral ten obras espalladas por todo o mundo, ás que agora sumará unha pomba de bronce, feita por el mesmo, sobre unha columna de granito que levará unha dedicatoria, tallada polo canteiro Xavier Quijada.

A elección da pomba para inmortalizar esta homenaxe ao pé do Madalena non é casualidade, pois a ave, símbolo da paz, é un dos emblemas da obra de Corral. El mesmo, no xardín da súa casa museo de Baamonde -edificouna el nos 70 con pedras de casas vellas-, construíu un pombal único, a base de minerais procedentes de distintas partes do mundo.

Este, igual que outros moitos tesouros e pezas únicas que expón no xardín e nas salas do museo, reciben milleiros de visitas, tanto individuais como de grupos chegados de Galicia ou de España, así como dos peregrinos que percorren o Camiño Norte.

O artista begontés amósase ilusionado con este acto, ao que convida a xente a participar, e para o que asegura que non preparará "chuleta", pois prefire a espontaneidade e dicir o que lle xurda no momento. Haberá que agardar para saber as palabras que creará para inaugurar o seu Hectómetro Literario, pero non para saber quen o acompañará no acto fixado para as 12.00 horas no Muíño do Rañego de Vilalba.

Alí estarán Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, que organiza o acto xunto á Irmandade Manuel María e o Concello de Vilalba, Eduardo Pérez Baamonde, Xulio Xiz e Noemi Díaz Corral, neta de Víctor. A continuación presentarse o monolito número 15 e despois celebrarase un xantar de confraternidade na Taberna de Vilalba. Para apuntarse, hai que chamar ao 646.41.38.90.

Comentarios