Unha viaxe entre zapatos

José María López escribe no terceiro Caderno do Museo Etnográfico Monte Caxado acerca do oficio dos artesáns do calzado das Pontes
Ferramenta e útiles de zapateiro, no Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes. EP
photo_camera Ferramenta e útiles de zapateiro, no Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes. EP

O terceiro Caderno do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes xa está no prelo e se na primeria edición o seu autor, José María López Ferro, regresou ao pasado para relatar nas súas páxinas a tradición da caza no municipio pontés e na segunda inventariou os distintos peches das fincas, moitos a piques de desaparecer, esta vez elixiu facer unha viaxe entre zapatos cunha obra que pretende ser tributo e historia escrita dun oficio que esmorece. 

"Tiña ganas de facer algo de oficios, temos moitas pezas e ferramenta no museo e ao final apostei polos zapateiros, é algo que vén de moi antigo na vila e é algo que se perde", di o presidente da fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, que asegura que xa no catastro do Marqués da Ensenada, en 1752, se falaba de oficios nas Pontes e xa aparecían os zapateiros, xunto aos arrieiros ou fundidores, entre outros moitos. 

zapatos 2"O traballo é un recoñecemento e unha homenaxe humilde a estes homes, sen esquencer ás súas donas, porque moitos abriron tendas e a maioría das mulleres estaban á fronte das zapaterías, na parte de venda", di López Ferro. 

O traballo incluirá varios apartados, entre os que haberá uns aspectos xerais de historia tras o limiar, a visión do etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, sobre o oficio e un apartado para falar das pezas que hai no museo —un para o calzado feito a man, os bolsos... e outro para a distinta ferramenta, a mesa e o tallo de traballo—.   

Este terceiro caderno, que como o primeiro e o segundo será financiado pola Deputación da Coruña, ademais, inclúe un apartado adicado ao proceso de feitura dun zapato da man de Pepe Castro, e un capítulo centrado nos zapateiros das Pontes. 

"Non teño relación de todos", indica López Ferro, que asegura que a situación epidemiolóxica tampouco axuda para levar a cabo unha investigación, xa que hai máis dificultades para contactar con algunha xente, sobre todo coa máis maior. 

Aínda así, o traballo cita a unha trintena de zapateiros que estiveron en activo durante o século XX ou principios do XXI. "Unha vintena aparecen reflexados con datos e fotografías, outros once simplemente citados", di o autor da obra que, como nos anteriores cadernos, reserva unhas páxinas para a cultura popular, con refráns e adiviñas acerca dos zapateiros, e outras para unha galería fotográfica dalgúns dos que crearon calzado coas súas mans.

Comentarios