jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Viaxe en branco e negro ao pasado pontés a través da dixitalización do arquivo fotográfico de Manuel Vila

2020081613374017801
Bandia Ribeira. AEP
O reto é conseguir fondos para publicar un libro con parte das imaxes, promover algunha exposición e facer obradoiros con rapaces

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras. E miles delas, canto? O xigantesco arquivo fotográfico de Manuel Vila é unha viaxe en branco e negro ao pasado pontés gardado nun caixón e que dende hai algún tempo o colectivo Xaula, liderado por Bandia Ribeira, trata de activar.

"Hai tres anos empecei a interesarme polas fotos de Manolo Vila. Gustáronme moito e empecei a ir á tenda do seu fillo Santi e empezoume a ensinar os fondos", explica Bandia Ribeira, outra fotógrafa pontesa, afincada agora en Almería despois de pasar por Barcelona ou Gales, que descubriu no arquivo de Vila un tesouro en cada imaxe.

"As fotos teñen como unha estrañeza ao velas dende o presente, representan como outro mundo co que podes conectar pero é súper diferente, xa non existe", indica a promotora de Xaula, un colectivo que fundou en 2019 xunto a súa irmá, a tamén fotógrafa Lúa Ribeira, a terceira española en entrar na axencia internacional Magnum, e a Alejandro Acín, director de IC Visual Lab.

O arquivo de Vila, defende Bandia, é excepcional non só polo valor sociolóxico e histórico que representa, senón tamén polo propio valor fotográfico, cun "nivel brutal" con imaxes que levan á fotógrafa a referencias internacionais como 'Masats, Miserachs, Weegee ou Diane Arbus'.

De todo o arquivo, que "está nun caixón pero moi ben conservado, coidado e catalogado", o proxecto céntrase en 10.000 negativos de medio formato en branco e negro da época que abarca o boom industrial das Pontes, dende o ano 1943 á década dos 70, "a pesar de que os fondos abranguen máis tempo".

"Hai fotografías da industria, pero tamén da sanidade, da educación, da transformación urbana, de eventos sociais... cousas da vida que nos dan un retrato moi interesante do noso pasado, da nosa historia", apunta Bandia, que considera que este gran traballo "non ten o valor que merece". "No aproveitamos ben os recursos que temos, o arquivo é un recurso patrimonial e cultural moi importante. Vila era un gran profesional e fixo un gran traballo. El traballaba por encargo e ía a moitos actos e, quizais sen sabelo, conseguiu crear un arquivo brutal da historia das Pontes", defende.

O obxectivo do colectivo Xaula é conseguir recursos para iniciar a dixitalización de parte dos fondos -prevén facer unha selección dunhas 7.000 fotografías, unhas en alta calidade e outras en baixa- para despois difundir e activar o arquivo.

Como? As ideas pasan por publicar un libro e promover unha exposición nunha sala tradicional, que sexa itinerante, pero acompañala doutras intervencións, buscando sacar as imaxes á rúa, e facer obradoiros de fotografía con rapaces. Polo momento, abriron unha xanela en Instagram onde empezaron a publicar algúns dos traballos do fotógrafo pontés.

"O que queremos é darnos a coñecer e seguir na nosa liña de traballo presentándonos a convocatorias", indica Bandia.

Unha vida coa cámara
Manuel Vila Vidal naceu nas Pontes no ano 1928 nunha saga de fotógrafos.
Vila, tal e como explican no perfil de Instagram que xa mostra algunhas das súas fotografías, desde moi novo axudaba ao seu pai na realización de fotografías para os carnés de identidade. E nesa mesma época retratou xunto a el a chegada da empresa nacional Calvo Sotelo. Entrou en 1944 a traballar no seu laboratorio e compaxinou o traballo na empresa (logo pasou a Endesa) co labor en Foto Vila, xunto a seu irmán Julio. Seu fillo tomou o mesmo camiño e continuou co negocio familiar e agora colabora co proxecto de Xaula para divulgar esa memoria en imaxes.

Viaxe en branco e negro ao pasado pontés a través da dixitalización...
Comentarios