Veiga: "Xurdiron imitacións pero se hai un belén único e con galóns é o de Begonte"

O escritor begontés gaña o XLVI Certame de Xornalismo sobre o Nadal polo seu artigo titulado Medio século de ilusión
Pablo Veiga, escritor begontés
photo_camera Pablo Veiga, escritor begontés. EP

O escritor begontés Pablo Veiga vén de resultar vencedor no XLVI Certame de Xornalismo sobre o Nadal -convocado polo centro cultural José Domínguez Guizán, impulsor do belén electrónico de Begonte- polo seu artigo Medio século de ilusión, publicado en www.galiciaxa.com.

"O meu traballo é unha homenaxe especial aos promotores desta idea que puxo a Begonte no mapa hai medio século e ségueo poñendo a día de hoxe", precisa Veiga, quen recorda que "co paso do tempo xurdiron imitacións en toda Galicia, moi meritorias todas elas, pero se existe un belén electrónico con galóns, único e especial ese é o de Begonte".

O escritor -que recibirá 600 euros e unha figura de Sargadelos- concibe o seu artigo como un repaso á historia dun nacemento que tantos recordos lle trae da infancia.

"Os begonteses criámonos con este belén. Lembro a tradicional visita do colexio ás instalacións onde contemplabamos en apenas uns minutos como o día se transformaba en noite, o sol daba paso á chuvia e á neve, mentres aquelas figuras que representaban os oficios tradicionais do país non paraban de moverse. O ferreiro, o zoqueiro, os pastores ou a muller amasando no pan atendían o seu lerio a carón do presebe onde o fillo de Deus, acompañado dos seus pais, un boi e unha mula, agardaba pola chegada dos Reis Magos. A maxia embaucaba a pequenos e a grandes por igual, hai cincuenta anos, vinte e cinco, dez e tamén no día de hoxe", di no seu artigo.

O xurado estivo formado por Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo; José Ulla, alcalde begontés; Jesús Domínguez e José Rodríguez, presidente e secretario do centro cultural convocante; Blanca Pacín, bibliotecaria, e Xulio Xiz, xornalista.

Comentarios