A Veiga baila ao son dos oficios de sempre

A área recreativa de Muras acolleu a cuarta Romaxe Artesá da Chaira, que reuniu case unha vintena de artesáns e tivo unha grande afluencia de público

Actuación de Kote Malabar na Romaxe Artesá da Chaira. EP
photo_camera Actuación de Kote Malabar na Romaxe Artesá da Chaira. EP

Un ano máis, e xa van catro, a paraxe natural que é A Veiga adornouse para a ocasión cos traballos do curso de manualidades de Muras e converteuse nun fervedoiro de xente desexosa de acariñar os oficios de sempre e volver ao pasado máis autóctono. Non foi difícil. Arredor dunha vintena de postos de artesanía estaban agardando a que chegaran as dez da mañá do sábado —momento no que se abría o recinto— para que todos aqueles que se achegaran ata a área recreativa muresa puideran cumprir os seus antollos.

Xavier Quijada, Xaneco Tubío, Idoia Cuesta, Iria Pigueiras, Marcos Ladra, Tito Ledo, Pilar Cupeiro, Carmen López, Víctor Uriz, José Luis Castro, Lola Reimúndez, Amigurumis Jano, Javier de Castro, Nené Son, Estilo Puratití e Antonio Fernández compuxeron unha sinfonía de materiais, texturas e disciplinas para o desfrute dos presentes. Uns adicados ao coiro e outros á lá e, polo medio, madeira, cantería, forxa, xoiería, cestería, instrumentos musicais, xogos ou traxes rexionais que obrigaban a reconectar coa tradición que impregna os traballos artesanais.

Un dos artistas asistentes, o pontevedrés Dionisio Aboal, agradecía que a cita fora de "artesanía pura", mentres recortaba un anaco de pel de ovella curtida coa que daba forma a unha zambomba en miniatura. Ao longo da mañá xa creara dous pequenos pandeiros e unha pandeireta, porque "algo teño que facer, senón abúrrome", dicía mentres non deixaba de traballar.

E aínda que o groso da romaxe foran os oficios de toda a vida, tamén houbo tempo para reivindicar o rural grazas a unha charla impartida pola asociación A Estruga. "Iso si que me pareceu interesante porque o rural está quedando espido e hai que apoiar aos mozos a que volvan, sen aldea non se come", comentaba con rotundidade María Pilar Cupeiro, que aos seus 79 anos non perdeu ningunha das convocatorias da Romaxe.

Os concertos de Fanfarria Taquikardia e Sés foron o broche de ouro

Xa pola tarde, o protagonismo recaía nos máis pequenos, que quedaban engaiolados cos malabares de Kote Malabar —que xa actuara tamén pola mañá—, os xogos tradicionais da man de Xotramu e o teatro de monicreques Barriga Verde con Títeres Alakrán. Na área da Veiga, nenos e non tan nenos volveron xogar con sacos, subirse aos zancos e intentar atinar coa boca da rá. Propostas non lles faltaban.

E para os que quixeran descansar de tanto xogo, tamén houbo un obradoiro de cestería co que os interesados puideron crear bandexas de vimbio.

O toque musical da xornada correu a cargo do grupo de música tradicional Pingarela, que percorreu todo o recinto ao ritmo de gaitas, tamboril e bombo. Mais o broche de ouro comezou a perfilarse ás 19.30 horas, cando subía ao escenario o grupo Fanfarria Taquikardia, e remataba coa ansiada actuación da cantautora Sés, que ateigaba a carpa instalada para a ocasión.

O "mimo e o cariño" co que se fai a Romaxe Artesá da Chaira, tal e como afirmaba o rexedor murés, Manuel Requeijo —o Concello asumiu a organización—, fai que a cita "siga medrando". "A tendencia indica que cada ano hai máis público e que as actividades gustan", concluía, esperanzado en ir a pola quinta edición.

Comentarios