Os veciños de Damil recadan fondos para restaurar a capela de San Vitorio

Catro persoas formaron unha comisión para buscar axudas e poder renovar a cuberta. A actuación é imprescindible para evitar que o edificio continúe a deteriorarse polas goteiras
2020020314293166322
photo_camera Capela de San Vitorio de Damil, coa carballa á esquerda da imaxe. C.PÉREZ

A tradición das romarías en Begonte remóntase a tempos inmemoriais e son varios os santuarios do municipio que gozaban de gran devoción popular. Un dos máis concorridos era o de San Vitorio de Damil, cuxo deterioro actual fixo que catro veciños da parroquia se unisen para impulsar unha recadación de fondos e realizar obras que permitan a súa conservación.

Elvira Barrio, José Villadóniga, Manolo López e Antonio Carral formaron unha comisión que confía en poder xuntar os 18.000 euros necesarios para substituír "as vigas e os cangos que están podres e lousar", segundo explica Barrio, que asegura que nalgúns puntos do interior do edificio hai "fontes de auga".

"Estabamos apesarados ao ver que caía e, como sempre lle tivemos cariño, decidimos intentalo", explican os promotores da iniciativa, con moitos vencellos coa capela. Por exemplo, no caso de Elvira, ela fixo alí a comuñón e a súa familia leva moitos anos encargándose de coidala. "Dende que tiña 15 anos imos limpar a capela ou vestir os santos", lembra.

No verán, vendo que o deteriorio ía a máis, contactaron co cura e coa diocese de Mondoñedo Ferrol, que se comprometeu a redactar o proxecto para a intervención necesaria, un documento co que acudirán á Deputación de Lugo para solicitar unha subvención que axude a custear a actuación. Tamén se puxeron en contacto co Concello de Begonte, que comprometeu unha partida de 6.000 euros, xa reflectida nos orzamentos municipais deste ano, e percorreron as casas da parroquia para recadar doazóns coa fin de completar os fondos necesarios para executar as obras.

O orzamento do proxecto ascende a 18.000 euros, contan cunha axuda do Concello e queren solicitar outra na Deputación

Previamente, o Concello e a Asociación Galega de Custodia do Territorio recibiron unha subvención de máis de 10.000 euros de fondos Feder coa que se levaron a cabo actuacións medioambientais no contorno da capela, incluído no ZEC Parga-Ladra-Támoga, coma unha plantación de árbores, ademais da colocación dun panel informativo sobre a mesma.

HISTORIA. A capela de San Vitorio localízase á beira do río Miño e as súas orixes remóntanse ao século XVI. Tanto a súa existencia coma a da romaría que acolle xa aparecían mencionadas no Diccionario Geográfico-Estadístico de Pascual Madoz do ano 1846.

No interior do templo, de nave rectangular cun pórtico de acceso, hai un retablo de madeira neogótico, que é obra de Celestino Pichín, veciño de Damil. Ademais dunha imaxe da Virxe María, coa que se saía en procesión, hai dúas de San Vitorio. A grande, que tamén procesionaba na romaría, e a pequena, usada para cumprir coa tradición de "poñer o santo".

A carón da estrada que une Rábade co Santo (Vilalba), ao pé do camiño que dá acceso ao santuario, consérvase un peto de ánimas no que se recollen esmolas para San Vitorio e que está sempre rodeado de flores.

Romaría popular o 14 de maio 
A romaría do San Vitorio celebrábase o 14 de maio ou na fin de semana máis próxima e, como lembran os veciños, o habitual era que todo o contorno da capela se enchese de merendas. 

Fonte dos panos 
Na parte posterior, a uns 50 metros, localízase a Fonte de San Vitorio, a cuxa auga se lle atribúen propiedades curativas para as doenzas da pel. Chámaselle tamén a fonte dos panos, polo costume de mollar un pano na súa auga para lavar a parte afectada e logo deixalo pendurado alí. Suponse que conforme vai secando o mal vai pasando. 

Carballa 
Fronte á capela consérvase un vello carballo, coñecido como a carballa de San Vitorio, cuxo toro está baleiro e ten sinais de carbonización, crese que dun lóstrego. A tradición di que se vía dende o Alto de Garabolos e que lle servía de guía aos que ían desde Lugo á romaxe. 

Lendas 
Son varias as lendas á volta da capela. Falan das propiedades milagreiras da auga, da fundación do templo ou das razóns da súa advocación a San Vitorio. Pódense ler na web Galicia Encantada.

Comentarios