viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Un veciño de Meira mantén viva a malla do trigo de xeito tradicional

Manuel Jartín, mallando.
Manuel Jartín, mallando.
Manuel Jartín leva máis dunha década realizando este labor na súa casa

Ao meirego Manuel Jartín gústalle conservar as tradicións, manter viva a memoria dos antigos traballos do campo. Esa querenza levouno en 1992 a ser un dos fundadores da Festa da Malla de Meira, hoxe unha popular cita declarada de interese turístico.

E aínda que as especiais circunstancias deste ano non permitiron celebrar ese popular evento, nin sequera unha pandemia mundial puido evitar que Manuel cumprise coa tradición que mantén dende que se xubilou, hai máis dunha década. Malla na súa casa, coas máquinas de antes -ten dúas desgranadoras, un motor e unha limpadora, que tamén se teñen usado na Festa da Malla-, unha parte da súa colleita de trigo.

No canto de contar coa axuda de amigos e familia, coma noutras ocasións, esta vez traballou en soidade: "Sempre hai voluntarios, pero este ano funo facendo todo eu só, sen présa", precisa, coa satisfacción que dá o traballo feito.

"Sigo botando o trigo por entretemento e este ano non deixei de facelo; boteino tarde, en marzo, para evitar que medrase moito a herba, porque quero que todo sexa natural, sen usar sulfatos", explica Manuel. Recolleu unhas catro fanegas de trigo –uns 50 quilos sementados nuns 2.000 metros cadrados de terreo, das que unha serviu para recrear a malla.

Manuel quédase co gran, maiormente para cocer, mentres que a palla prefire comercializala: "Algunha gástase na casa, pero a maioría véndoa, porque sempre hai demanda dela, úsase moito para estrar os porcos", conclúe o artífice da xa coñecida como Malla de Jartín.

Un veciño de Meira mantén viva a malla do trigo de xeito tradicional
Comentarios