Viron que existía un programa, o Corresponsables, no que colaboran a Universidade de Santiago de Compostela, as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Igualdad, para promover actividades para menores de 16 anos e preguntaron como podían facer para contar con algún dos seus obradoiros.
O principal escollo era o mínimo de participantes que se requerían para levar unha actividade ata un concello, xa que reunir ducias de nenos e de nenas non sempre é doado para as pequenas poboacións. Pero en lugar de recuar e que quedase todo en nada, converteron esa adversidade nunha fortaleza e idearon o programa Marzo Activo coas Anpas, no que colaboran as entidades do Ceip O Salvador da Pastoriza, do Ceip de Bretoña, do Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira, do IES Pedregal de Irimia de Meira, do Ceip A Pontenova, A Granda do Ceip de Muimenta e do colexio de Riotorto.

A iniciativa conta con tres actividades, cada unha delas nun concello diferente. A primeira consistiu nun obradoiro de parkour e de breaking, para cuxa organización tamén se contou coa implicación das asociacións de nais e pais dos colexios de Lourenzá, Mondoñedo, Rábade e Román (Vilalba).
Preto de medio cento de nenos e de nenas achegáronse a estas dúas modalidades da cultura urbana da man de Vella Escola, unha asociación con sede en Noia que leva 15 anos traballando por toda Galicia para darlle visibilidade a un total de 15 disciplinas con distintas liñas de actuación, entre elas sesións coma as desenvolvidas no pavillón de Meira.
As actividades de Marzo activos coas Anpas desenvólvense en Meira, na Pontenova e na Pastoriza
"É unha actividade de familiarización, unha primeira achega para que proben algo diferente e vexan se lles gusta", explican dende a entidade, que desprazou tres monitores e un parque móbil simulando os obstáculos que se poderían atopar ao facer parkour.
"O primeiro que se lles ensina é a recoñecer o circuíto, ver que é un contorno seguro", din sobre a principal medida preventiva antes de comezar a desprazarse trepando, rodando ou saltando para superar obstáculos.

A Federación Internacional de Ximnasia está a integrar o parkour, precisan tamén desde a asociación, salientando que os "deportes urbanos cada vez están tendo máis recoñecemento", difusión á que tamén contribuíron con esta actividade inaugural do Marzo Activo coas Anpas.
No caso do break, os escolares participantes puxeron en práctica xiros e acrobacias básicos, tomando contacto cunha disciplina que cada vez conta con máis adeptos e que, segundo destacan desde Vella Escola, "o ano que vén vai ser deporte olímpico en París".
A segunda proposta levouse a cabo esta fin de semana na Pontenova. A andaina pola Ruta dos Fornos foi todo un éxito de convocatoria ao sumar máis de 70 camiñantes que percorreron, repartidos en varios grupos, un dos antigos túneles das vagonetas que levaban o mineral ao Forno de Boulloso, hoxe convertido en miradoiro. Ademais, quen quixo tamén puido coñecer a antiga mina de Consuelo.

A terceira e última actividade deste programa nacido da unión entre as anpas da zona é un obradoiro de hip hop que se levará a cabo no pavillón da Pastoriza o este sábado 18, de 16.30 a 18.00 horas. A sesión, para a que están apuntados máis de 50 rapaces e rapazas entre os cinco e os 16 anos, incluirá unha breve explicación do que é este baile urbano e unha serie de exercicios introdutorios para logo acabar materializando unha pequena coreografía.
Aínda que nesta edición o programa Corresponsables xa se pecha oficialmente o 19, as anpas, vendo a boa acollida das propostas, non descartan promover no futuro algunha outra actividade conxunta.
