Vanessa Hermida: "Puideron beneficiarse do servizo ao redor dunhas 200 persoas"

O centro de día de Abadín ofrece un banco de produtos para facilitar as tarefas do día a día das persoas dependentes. Ceden gratuitamente elementos técnicos para que os proben antes de ter que compralos ou alugalos.
Vanessa Hermida, terapeuta ocupacional do centro de día de Abadín. EP
photo_camera Vanessa Hermida, terapeuta ocupacional do centro de día de Abadín. EP

Como xurdiu esta iniciativa?

Démonos conta que había unha necesidade que non estaba sendo cuberta. É difícil atopar un profesional que coñeza a amplia variedade de produtos de apoio e os beneficios e contraindicacións que poden ter en cada caso particular.

Como funciona o servizo?

A xente doa os produtos aos noso banco e estes ofrécense a outros que os solicitan por un periodo de 15 días, un mes ou dous, tempo suficiente para que os proben de xeito gratuíto antes de mercalos novos, de segunda man ou de poder alugalos.

Cal foi a acollida?

A resposta sempre foi moi boa. Cada ano increméntase máis a implicación. Moita xente animouse a dar ao centro de día e ao Concello de Abadín produtos que xa non usan para prestar a outras persoas que os necesitan.

Canta xente se beneficiou durante estes sete anos?

Ao longo destes anos puideron beneficiarse do servizo ao redor dunhas 200 persoas de Abadín, Vilalba, Mondoñedo e arredores.

Que produtos foron doados?

Unha cama articulada, unha grúa de mobilización, un scooter, unha cadeira de rodas eléctrica, unha silla de ducha e algún andador.

O centro de día de Abadín é o único con este servizo dentro do consorcio galego e estamos incluídos no Ceapat"

Actualmente cales se poden solicitar?

Das doazóns están dispoñibles actualmente a cama articulada e o scooter. Tamén un apoio para levantarse do wc, sábadas de suxección para a cama e axudas para a mobilidade como muletas, bastóns e andadores diferentes.

Cales son os produtos que máis chaman a atención pola súa singularidade?

Un calzador de medias e de calcetíns, unha táboa para a bañeira, un colgador de bolsas de plástico, unha almofada cervical, un pedalier para coller forza nas pernas, sábadas de suxección, un calzador longo, un andador de catro rodas con freo ou unha bombilla detector de movemento.

Vendeuse algún produto de segunda man?

Si, entre veciños chegaron a acordos para alugar unha grúa para a mobilización de persoas dependentes e para mercar unha cadeira xiratoria de bañeira.

Onde poden obter máis información aquelas persoas que estean interesadas en poder conseguir algún destes produtos?

Poden facelo chamando ao teléfono 982.50.82.31, en horario de 12.00 a 16.00 horas. Ademais, para formalizar o préstamo deberán achegarse a buscalo ao centro de atención diurna para persoas maiores de Abadín. Terán que firmar un compromiso de devolución e facilitar os seus datos persoais.

Levamos máis de dez anos con contratos temporais en fraude de lei. Pedimos que se nos escoite e se busquen alternativas"

O centro de día de Abadín é o único que ofrece este servizo?

Dentro do consorcio galego, si. De feito hai outros centros que solicitan os nosos produtos ou piden información. Estamos incluídos dentro do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Personal y Ayudas Técnicas (Ceapat).

E este servizo viuse afectado pola pandemia?

En parte si, xa que antes organizabamos charlas informativas para que a xente o coñecese e agora non podemos.

E no centro, como variou o día a día?

Moito. O inicio despois do confinamento foi moi complicado. O equipo de traballo fixo unha desinfección importante e tamén se encargou da sinalización, da restruturación do mobiliario, das salas... Para os usuarios tamén foi duro non poder ver a outros compañeiros fóra da sala burbulla. Agora temos a mesma programación que antes da pandemia, pero con grupos reducidos e cunha desinfección moi estricta. Afortunadamente, en Abadín non tivemos ningún caso positivo, aínda que non foi todo cousa da sorte, tivo moito que ver o traballo que se fixo e que foi moi concienzudo e estricto.

Os centros de día do consorcio e as escolas infantís que dependen tamén da Xunta están en loita. Cal é a problemática?

Levamos máis de dez anos con contratos temporais en fraude de lei. Non se convocan oposicións dende 2007 e agora a Xunta convocou unhas de acceso libre. Co cal a xente ten que sacar unha nota altísima para que se lles teña en conta todo este tempo que levan traballado. Pedimos que se nos escoite e que se busquen alterantivas.

Comentarios