Van Kraft abre 'A fiestra de Rosalía' en Vilalba

O artista foi o encargado de crear, na contorna do Parador, un mural dedicado á escritora, impulsado polo Instituto de Estudos Chairegos e pola área de Cultura da Deputación 
Representantes do Iescha e da área de Cultura da Deputación, ante o mural. EP
photo_camera Representantes do Iescha e da área de Cultura da Deputación, ante o mural. EP

Dende aquí vexo un camiño

que non sei a onde vai,

polo mesmo que non sei, 

quixérao poder andar

                                                     Rosalía de Castro

Este versos serven para presentar A fiestra de Rosalía, título escollido polo artista vilalbés Pablo Lage Van Kraft para o mural que vén de rematar en Vilalba, dedicado á escritora e promovido pola área de Cultura da Deputación e polo Instituto de Estudos Chairegos.

A fachada lateral dun edificio localizado preto do Parador serviu de lenzo para retratar a Rosalía de Castro "na súa presentación máis icónica, cunha gama de cores cálidas, propias da paleta cromática da Terra Chá e adaptadas ao contorno no que se realiza, a carón do xardín da Torre dos Andrade e na área de influencia do trazado do Camiño Norte ao paso pola vila", explican os promotores dun mural que ocupa uns 80 metros cadrados de superficie.

Marisa Barreiro: "Podemos gozar dun mural de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro, unha das grandes figuras do noso país"

"Despois de varios meses de trámites administrativos, seguindo rigorosamente a normativa de patrimonio en canto a formas e cores, e do traballo artístico de Pablo Lage,  podemos gozar dun mural de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro, unha das grandes figuras do noso país, que pouco a pouco vai ocupando o lugar que merece”, explicou a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

Pola súa banda, a vicrepesidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou a oportunidade que "o auxe da arte urbana ofrece para achegar referentes culturais como Rosalía de Castro a un público maioritario, especialmente ás xeracións máis novas".

Maite Ferreiro: "O auxe da arte urbana ofrece unha oportunidade para achegar referentes culturais a un público maioritario, especialmente as xeracións máis novas"

Ferreiro precisou ademais que o apoio a esta iniciativa do Iescha se enmarca "na liña de traballo que vén desenvolvendo a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para divulgar e poñer en valor a figura da autora, con programacións anuais que inclúen intervencións artísticas e representacións teatrais nas diferentes comarcas".

Así, lembran dende o ente provincial, en 2022, desenvolvéronse dez representacións de obras teatrais inspiradas na autora e outras nove intervencións murais en recintos educativos, entre eles o CEIP Mato Vizoso de Vilalba.

Comentarios