Valores para nenos e grandes a través dos ollos do pequeno Martín

O abadinés Rubén Iglesias deu forma a un libro online que fala do confinamento

A esperanza, a amizade e a protección transmítense nas liñas de A primeira primavera de Martín ata chegar aos pequenos lectores que teñen a fortuna de lelo. E tamén aos non tan pequenos. "É o bo dos libros infantís, que nos ensinan un montón en canto ao que nos queren transmitir", explica Rubén Iglesias, un mestre de primaria de Castromaior, en Abadín, que lle deu forma á experiencia do osiño Martín na súa primeira primavera, a do confinamento, e que se converte nun bo exemplar para compartir cos nenos nesta inusual volta ao colexio.

E é que a través dos debuxos de Elena Pérez e das letras de Rubén, calquera pode sentir o que se perdeu nesta primavera, pero tamén aprender que "sempre vai haber un momento para recuperala ou alguén que nos axude a facelo", di o autor da obra, que se pode ler xa na páxina web de Calameo, insertando no buscador o título do conto.

"Son bastante afeccionado á escritura, á poesía, aos contos... E desta vez animeime polo momento no que estabamos e porque era o meu regalo polo primeiro cumpreanos do meu afillado Martín", explica Rubén, ao tempo que engade que a primavera é un tema recorrente para el e que estaba "especialmente ilusionado" con poder ensinarlle ao neno as flores e como brota a natureza neses meses.

Neste ano 2020 non puido ser, así que igual que fai o paxaro protagonista co osiño, Rubén achégalle esa maxia a través das letras, aínda que recoñece que polo momento o pequeno "distráese bastante". "Só lle fai caso aos debuxos", comenta entre risas, á espera de que pase o tempo para poder lerllo e engrosar a colección, sempre co rural de fondo, en honra ás súas orixes, e con Martín como inspiración, a cal, asegura, "depende da persoa que te enganche".

Comentarios