miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

O valor de todas esas cousas de antes

Reloxo de sol e outras pezas expostas no exterior do museo (esquerda) e unha mínima parte da mostra que acubilla o interior deste centro. CRISTINA PÉREZ
Reloxo de sol e outras pezas expostas no exterior do museo (esquerda) e unha mínima parte da mostra que acubilla o interior deste centro. CRISTINA PÉREZ
O guitiricense José Grandío leva décadas recompilando, restaurando ou reproducindo todo tipo de obxectos da tradición popular ► O seu museo de Pígara ten dende vehículos antigos ata material escolar, pasando por ferramentas, xoguetes ou distintos aparatos

Sabedes o que é un Seat Spider, como se picaba antigamente a forraxe ou a que se lle chama "malacote"? Son só tres das moitas preguntas ás que lle pode dar unha resposta fácil e rapidamente adentrándose no particular universo do guitiricense José Grandío González, no que todas as cousas de antes teñen o seu especial protagonismo. Un espazo para a memoria da vida cotiá que se vén xestando dende hai máis de medio século, aínda que daquela nin o propio artífice se poidese imaxinar que algún día ía ser o impulsor do Museo de Pepe de Pígara.

Foi alá polo ano 1964 cando na casa vella do seu avó, precisamente en Pígara, Pepe atopou o que a ollos dun neno curioso era un gran tesouro, aínda que non soubese ben nin que era nin para que valía aquel cachiño de lousa cuns números gravados. Resultou ser un fragmento dun vello reloxo de sol e, máis importante aínda, a semente dunha querenza pola preservación da memoria que se concretou a finais do século XX nesa mesma parroquia guitiricense onde todo comezara.

O que en 1997 apenas era unha pequena colección de obxectos, moitos deles restaurados polo propio Pepe, é hoxe un museo etnográfico que se pode coñecer de xeito virtual no blog Cousas de Pepe ou en persoa, concertando unha visita co seu guía e alma máter. "Quen queira pode poñerse en contacto comigo e visitalo, é gratis", di Pepe, máis que disposto a compartir décadas de traballo continuado con quen teña interese en descubrir a riqueza oculta nas cousas do día a día, tamén a través de exposicións temporais coma as que xa fixo na Casa Barxa e na Casa Habanera de Guitiriz, esta última só de xogos e xoguetes. Só hai que chamar ao 606.83.63.62 ou remitir un correo electrónico a [email protected].

"Todo o que hai fíxeno eu, a casa e todo o que hai polo terreo", conta paseando por un coidado xardín no que se pode atopar, como non, un gran reloxo de sol. Tamén hai unha recreación dun hórreo primitivo, un carro ou un pombal. En canto se abre a porta dunha das construcións próximas á que é a súa vivenda, resulta doado adiviñar cal é unha das súas paixóns: os vehículos antigos, con varias motos –Ossa, Mobylette...– e coches restaurados, coma un Seat 850 Sport, vermello e descapotable, o mítico Spider.

A posta a punto destes vehículos e doutros moitos obxectos non serían posible sen o seu refuxio, o seu taller, ese no que Pepe perde a noción do tempo mentres reconstrúe, recrea ou volve á vida calquera aparello no que se poida pensar.

As moas, as "desgranadoras" de millo, as máquinas de picar forraxe ou os múltiples apeiros gardados noutro alpendre traen ata o presente distintos labores agrícolas, moitos deles xa desaparecidos, un bo preludio para descubrir os outros moitos tesouros que hai nas dúas salas de exposición que ocupan boa parte do baixo da súa casa: xoguetes -garda, por exemplo bonecas dos anos 30 e 40, de estuco, cartón ou celuloide-, gramolas, material escolar, máquinas de escribir, radios –coma a "pulgarcito", unha peza de mesilla de pequenas dimensións–, rexistradoras, ferramentas de distintos oficios, sulfatadoras, básculas de Correos, reloxos, botellas, útiles de afeitar, cafeteras, diferentes sistemas de iluminación...

Mírese cara a onde se mire, hai un pequeno tesouro a descubrir: quizais ese coitelo e garfo nunha soa peza, «para as persoas mancas», quizais aquela luz de carburo dunha bicicleta ou quizais a maqueta do buque Juan Sebastián Elcano feita por el mesmo.

EN PROXECTO. E como diría un coñecido personaxe televiso, "a cabeza non para". E a de Pepe, lonxe de conformarse, leva tempo a argallar novas incorporacións ao seu museo, especialmente no exterior. Así, prevé colocar ao lado do carro que ten na finca o poema de Manuel María gravado en pedra, está a traballar na construción dun estanque, no que quere montar unha antiga noria para extraer auga –da que forma parte o citado "malacote"–, ou un serradoiro "dos tradicionais da zona", nos que se usaba a coñecida serra de aire.

Máis dun século de historia, principalmente de Galicia pero tamén da humanidade, recollido nunha «colección de obxectos cotiáns que relatan como cambiou a nosa vida e a nosa cultura, dun retorno sentimental ás nosas raíces». Son as Cousas de Pepe de Pígara.

O valor de todas esas cousas de antes
Comentarios