miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Valentín Purriños: "Hai que ter coñecementos para usar a cámara e un ollo fotográfico"

Valentín Purriños, no seu estudo. PURRIÑOS
Valentín Purriños, no seu estudo. PURRIÑOS
O seu primeiro soldo con 12 anos tras ir ás segas en Castela permitiulle mercar a súa primeira cámara. A partir de aí, o fotógrafo vilalbés só quixo mellorar, ata converterse nun referente na fotografía incluso a nivel nacional con premios por toda España e numerosas nominacións, incluída unha aos Goya.

Con medio século ás súas costas cunha cámara como compañeira, Valentín Purriños, guitiricense de nacemento e vilalbés de adopción, vén de recibir o Trofeo Fonmiñá dentro da Semana do Cine de Autor de Lugo como recoñecemento a unha traxectoria profesional na que as ganas de aprender e a adaptación aos novos tempos foron unha constante.

Como recibiu a noticia da homenaxe?

Chamoume Xulio Xiz para dicirme que se acordara na asociación Fonmiñá concederme este recoñecemento e se o aceptaba. A unha cousa destas sempre se está disposto, como a todo, con agradecemento e ilusión.

Como recorda os seus comezos no mundo da fotografía?

Empecei quizais un pouco por intuición. Había un fotógrafo preto de onde nacín, José Lobeiras, dos Vilares, que viña ás feiras a Momán e ás festas cunha cámara que había que meterse nela e de relevado instantáneo. Sempre me chamou a atención, como a curiosidade dun neno. Para empezar foi moi fastidiado, fun dunha familia humilde e tiven a oportunidade de ir ás segas a Castela con doce anos, e trouxen 11.000 reás. Cando volvín e me baixei na estación de tren en Lugo, fun ao centro e comprei unha cámara fotográfica, a primeira que vin. Cheguei con ela á casa escondida baixo a chaqueta para que non ma vira ninguén.

E empezou a usala.

Ía ás festas facer fotos á xente, parellas, nenos... a quen se puxera. Despois mandábaas revelar a Lugo, A Coruña, Vilalba... Tiven a vantaxe de que nunca me sentín rexeitado pola xente nas festas ou sitios onde me presentaba, sempre fun ben recibido. Continuei indo tres anos máis a Castela e cambiando a cámaras mellores. Sempre fun un autodidacta un pouco sacrificado. Cando puiden, comprei a enciclopedia ‘La fotografía es fácil’ de AFHA, que aínda teño e na que se seguen aprendendo cousas, para seguir mellorando.

E xa foi o seu medio de vida.

Con 16 anos montei un estudo no campo da feira de Momán, onde estiven nove anos. Aí estiven un pouco clandestino (ri), ata que conseguín o carné de fotógrafo. Como non tiña moi á man o de revelar, o seguinte que pensei foi mercar un laboratorio de revelado e empezou a irme mellor e vinme para Vilalba, no 74.

Desde entón, o mundo da fotografía cambiou continuamente. Como levou a adaptación?

Levei ben todos os cambios, porque nunca me puxeron respecto ou medo os avances da tecnoloxía. Sempre pensei que eran para mellor. Xa no 82 fun visitar unha fábrica a Birmingham de laboratorios de maquinaria para revelado en cor e despois montei o primeiro laboratorio en cor en España como un estudo particular. Sempre fun amigo de probar novas tecnoloxías e nunca me quedei atrás. Pasoume igual co vídeo, buscando os mellores equipos. Sempre me gustou a tecnoloxía punteira.

Cal cre que foi o avance máis importante na fotografía?

Cada momento tivo a súa importancia. A foto en branco e negro segue sendo bonita hoxe, ben feita, e despois veu o color, que facía ver as cousas diferentes. O vídeo tamén tivo moitísimos cambios, porque ao principio a calidade deixaba moito que desexar. A primeira imaxe dixital que vin foi en Colonia, Alemania, nunha feira de fotografía, hai uns 30 anos e chamárame moitísimo a atención. A primeira cámara dixital daba só 1,2 megapixels, pero era toda unha novidade.

Que é o que máis lles piden os clientes?

Un pouco de todo, pero o que máis son sesións de estudo, fotos con gusto, estilo, calidade, unha fotografía profesional de verdade.

Cre que coa dixitalización a fotografía se universalizou de máis?

Creo que agora as persoas pensamos que todos sabemos de todo. Pasa coa fotografía e con todo. E non é verdade, a fotografía non é só ter unha cámara fotográfica. Ás veces os clientes quédanse mirando para ti e a cámara que levas e din: ‘Con esa cámara calquera fai fotografías’, e non é verdade. A cámara é unha ferramenta importante, pero hai que ter coñecementos para sabela usar, das técnicas e un ollo fotográfico. Coa fotografía dixital ás veces cométense verdadeiras barbaridades.

Como cales?

Pénsase que despois con Photoshop xa se arregla e non é así. Se é unha foto mala, pouco se pode arreglar. Se está ben, é fácil.

Que lle diría á esa xente que confía en familiares e amigos con cámaras dixitais para inmortalizar días importantes como bodas ou bautizos, por exemplo?

Cada un pode facer o que considere, pero, como se soe dicir, pasou o día e pasou a romería. E se non hai outra cousa, ten que valer o que hai. E ás veces pasa iso.

Perdeuse a maxia ou o factor sorpresa das fotografías?

Agora tómanse máis fotos ca nunca. Ves un acontecemento e está a xente co móvil facendo fotos, e antes só vías un par de cámaras. E todo o mundo ten foto do mesmo, pásaa polas redes sociais a outros e non a volve ver máis. A xente non se dá conta de que dentro duns anos ninguén vai ter fotografías, cando revelar unha foto é hoxe máis barato ca nunca. Confíase todo ao disco duro, á nube... e ten os seus riscos porque poden fallar.

As súa fillas Yoli e Inma levan agora o estudo. Como foi ese relevo?

Veulles a elas de forma natural. Ás veces non había con quen deixalas e quedaban no estudo coa súa cámara facéndose fotos unha á outra. Era unha cousa que vían todos os días. Nunca as forcei para que fixeran isto, foi cousa delas. Estudaron fotografía e eu ensineilles todo o que sabía e aínda hoxe seguen formándose con cursos e congresos por toda España cando baixa a época de traballo. Cando foron máis maiores, sempre lles deixei mandar un pouco. Creo que en moitas empresas non hai continuidade de pais a fillos porque moitas veces é máis culpa dos pais que dos fillos, porque non lles deixamos o mando, que poidan decidir e probar e equivocarse, que é como se aprende.

Levan moitos premios e nominacións polo seu traballo, como se sinte?

A xente pódese imaxinar o satisfeito e contento que se pode sentir un pai ao ver unha xeración que vén detrás empurrando un pouco forte como elas. Quizais é porque están facendo o que a elas lles gusta a razón de que teñan os seus éxitos.

"O meu escape son os cabalos, reláxome cando estoy con eles"
Cal foi a súa primeira cámara?
Era unha cámara normal, de carrete, e levaba un flash de bombillas. Eu trouxen unhas 2.750 pesetas de Castela e cheguei á casa case cos cartos todos, costaríame unhas 200. Pero era como unha hipoteca, porque cada foto que facías queimabas unha lámpara de flash.
Podería dicir cal foi a súa mellor foto?
É complicado, sobre todo valorado por min, porque levo feito tantas... Para min todas eran boas.
E a peor?
Iso tenme pasado moitas veces, cos carretes. Aínda que puxeras todo o interese era fácil que unha foto non respondera co que tiñas pensado.
Que tipo de fotografía prefire?
Sempre me gustou a fotografía de estudo, pero a de reportaxe tamén, onde tiveras que ir sobre a marcha, improvisando cada momento.
Cal é o mellor lugar para facer fotos?
No estudo tes dominio total da luz, controlas ti cousas que no exterior non podes controlar. Nos exteriores, o máis complicado é facer fotos cando hai sol. Aínda que en Galicia somos privilexiados, porque hai unha luz moi tamizada, moi gris, suave, e iso é importante en fotografía.
Ten algunha afección?
Nunca tiven tempo para ter algunha. Só como escape, no tempo libre, os cabalos, quizais porque nesta profesión necesitas ser moi constante e o cabalo é un animal que a súa compañía é moi relaxante. Cando estou con eles reláxome, non necesito ramal nin fusta para levalos, só coa voz xa nos entendemos. Teño chegado dunha voda ás dez da noite canso e ir facerlles unha visita e volver fresco para empezar de novo. Precisamente un dos premios que tiven, o da Comunidade Foral de Navarra, foi cunha foto deles.
Algunha anécdota especial?
Hai moitos anos, recén establecido neste local, era a festa de Insua e había primeiras comuñóns e quedara de ir, pero era un día por semana, o 24 de agosto, o San Bartolomeu. A tenda estaba aberta e nese momento chea de xente e eu olvideime, nin mirei reloxo nin axenda. E entón entra un dos pais e ao velo xa me din conta, e dime: ‘A ver, que está o cura esperando por ti para empezar a misa’. Collín a cámara e arranquei ao momento.

Valentín Purriños: "Hai que ter coñecementos para usar a cámara e...
Comentarios