viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

"As Pontes é un aspirante serio a proxectos tractores da Xunta e consolidarase como polo enerxético"

González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ
Valentín González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ

Valentín González Formoso mira o futuro con certo optimismo, nunha fase de "pospandemia" para traballar e á fronte dun Concello que deixa atrás o carbón. "Nuns días veremos intencións investidoras francamente importantes", di.

Alcalde das Pontes dende 2007 e presidente da Deputación da Coruña dende 2015, Valentín González Formoso afronta as dificultades cun certo punto de optimismo, convencido de que xa chega o final da pandemia e de que a súa vila ten futuro sen carbón. 

Comeza a vida sen estado de alarma. É acertado non prorrogalo? 
O Goberno está avalando unha petición dos gobernos autonómicos durante a pandemia para ter competencias e respectando o criterio de cada territorio, reservándose a capacidade de volver decretar o estado de alarma. Presérvase a seguridade sanitaria e a garantía de estabilidade no país. Pero parece que o mundo está ao revés. Cando o Estado decreta o estado de alarma e retira competencias hai protestas, cando delega e o retira, tamén. Coa garantía xurídica dos tribunais, que en último caso teñen a capacidade de unificar criterios, debemos estar tranquilos. 

Xa se ve a luz ao final do túnel? 
Si, é unha etapa de demostrar que a propia humanidade é capaz de reaccionar ao maior reto que tivo ao longo da súa historia, polo menos no ámbito sanitario. É de congratularnos. Estamos nun escenario no que temos que impulsar o que é imprescindible, a normalidade, aprender a valorar cuestións que esquecemos, poñer por diante valores como a solidariedade, a familia, a amizade... e desfrutar das cousas pequenas. 

Como valora a xestión da Xunta? 
Non vou cometer o erro que comete a Xunta co Goberno central e non vou criticar. A xestión dunha pandemia única na historia é francamente difícil. Hai que estar a carón do Goberno que toque. Son maiores os acertos que os erros. E temos que aprender a ter altura de miras cando lle toca gobernar a un nunha situación tan difícil. 

Coronavirus
"Non vou cometer o erro da Xunta co Goberno central e criticar a xestión da pandemia. Hai que ter altura de miras"

Dende a Deputación fixeron unha aposta importante co plan PEL. 
O PEL Reactiva ten 37 millóns de euros en dúas anualidades, polo de agora. Estamos a falar de que a Deputación dedica este ano o 14% do orzamento a axudar a hostalería e o ano pasado máis do 20% aos autónomos para achegar un gran de area nunha situación de parálise e incerteza. Intentamos axudar a salvar un sector que o tiña francamente difícil e que agora coa vacinación e a desescalada terá oportunidade de rexurdir. 

Cada vez que se aveciña unha crise económica cuestiónase o papel das deputacións e xorde o debate da súa supresión. Como o ve?
Ten que ser un debate serio. Requírese un redeseño da arquitectura administrativa do Estado e as deputacións son perfectamente suprimibles, pero as súas funcións non. Os concellos requiren da axuda técnica e financeira dunha institución que os ampare. Pode facelo a Xunta? Si. Pero coa garantía de dedicar os mesmos recursos que as deputacións. 

Como compaxina a Deputación e un Concello como o das Pontes? 
A lei esixe que un presidente da Deputación sexa concelleiro ou alcalde. É perfectamente compatible e co paso do tempo paréceme un auténtico acerto que o responsable provincial dunha institución que está pensada para axudar aos concellos sexa ademais responsable dun deles, e sobre todo que sexa dun dos pequenos, de ámbito rural, porque é capaz de transmitir unhas sensibilidades diferentes. 

A nivel municipal, a oposición recrimínalle que non asista aos plenos. A confianza é total no equipo? 
É un equipo moi sólido e moi implicado e a cidadanía o que require é a túa implicación na vida do teu concello, e a miña como alcalde das Pontes é 24 horas ao día os sete días á semana. Sigo a saber onde hai unha baldosa solta e que farola non funciona e sigo a ter un contacto directo cos meus veciños e veciñas, que é o elemento básico máis alá de cuestións formais. 

Reforma administrativa
"As deputacións son perfectamente suprimibles, as funcións non. Os concellos requiren axuda técnica e financeira"

É un momento complicado para As Pontes. Vai pechar a central? 
A propietaria da instalación négase a que continúe. Os estudos que presenta indican que non é viable economicamente con biocombustibles, aínda que entre o Estado, a Xunta e o Concello, os técnicos foron capaces de acreditar que medioambiental e tecnicamente si era posible. Economicamente Endesa ofreceu a posibilidade de que un terceiro operase a central pero neste momento esa opción a Xunta non a concretou. O tempo pasa e o que nos debe ilusionar e a busca de alternativas. 

O peche tramítase de forma ordinaria, non simplificada. Vanse alongar os prazos. Que implica iso para as auxiliares, por exemplo, co emprego garantido ata xuño? 
A tramitación ordinaria en Galicia está descontada. O que non me parece normal é facer unha tramitación exprés que significa que a avaliación do impacto ambiental do desmantelamento máis grande da historia deste país se poida facer coa mesma tramitación que a apertura dunha nave nos Airíos. É un desmantelamento a 30 metros dun río que acaba nun parque natural, coa explosión e demolición dunha cheminea de 356 metros de altura... Entendemos a decisión do ministerio. Dito isto, o compromiso de Endesa, que está dicindo continuamente que quere continuar en Galicia e nas Pontes, teno que seguir manifestando cos traballadores das auxiliares. Certo é que o está a facer, garantindo a continuidade dos empregos ata o peche e cun acordo co Miteco e coas forzas sindicais para a recolocación destes traballadores no desmantelamento e nos proxectos vinculados aos seus terreos e ao seu plan de expansión de enerxías renovables. Non se debe afear ese compromiso por catro ou cinco meses de espera. É a nosa petición á compañía. 

Hidróxeno verde
"Os dous proxectos son ilusionantes; un por garantir a continuidade do ciclo combinado, outro pola súa aposta industrial"

Por onde pasa o futuro das Pontes? 
Por consolidar unha diversificación que empezou hai anos. Temos 2.400 empregos industriais que non teñen dependencia da térmica, 730 autónomos, máis de 70 profesionais liberais e non só producimos quilowatts con carbón, tamén con auga, enerxía eólica, gas natural, pellets para biomasa, para centrais térmicas europeas e para consumo doméstico nacional, producimos compoñentes tecnolóxicos como sistemas do tren-terra do Ave ou telecontadores dixitais, estruturas metálicas moi diversas, parques eólicos, que tamén mantemos, catro toneladas á hora de produtos precociñados que se exportan ao centro de Europa e América do Norte, 46.000 toneladas de abono anuais, cable pretensado, produtos impresos que poderían cubrir dúas veces a península Ibérica, solo laminado, distribuímos produtos agroalimentarios por valor de oito millóns de euros, estruturas de madeira, máis de 300.000 quilos de queixo e requeixo, sen contar as ratas... As Pontes vai continuar a ser unha referencia no ámbito enerxético, cun ciclo combinado de 800 MW, parques eólicos, dúas centrais hidráulicas e novos proxectos. 

Que opina dos proxectos de hidróxeno verde? 
Os dous son francamente ilusionantes, un polo que conleva de cara a medio prazo de garantía de continuidade do ciclo combinado, porque é un foco emisor de CO₂, e o de Reganosa, polo compoñente local que ten o grupo Toxeiro e por ser unha aposta industrial máis alá da enerxética. Nas Pontes veremos nos próximos días e semanas intencións investidoras francamente importantes. A coordinación entre o Estado, a Xunta, as forzas políticas locais, sindicais, transportistas... e o consenso que hai de que somos un enclave industrial e enerxético vai facer que os posicionamentos industriais teñan un respaldo social único en Galicia e en España para proxectos francamente importantes. 

Que peso teñen aí as axudas europeas nese futuro? 
Ou estatais. O Estado anuncia 4.000 millóns de euros no seu plan nacional de hidróxeno e parte dos fondos Next Generation van ir dedicados á transición ecolóxica e ao desenvolvemento do hub de hidróxeno. Como no seu día pasou con outras tecnoloxías renovables, o hidróxeno verde non é viable sen unha aposta dos gobernos e unha liña de axudas pública cando aínda non ten o consumo necesario nin a tecnoloxía masiva necesaria para abaratar os custos. Unha planta de 100 MW custa 147 millóns, o ciclo combinado, de 800 MW, custou 208. Hai diferenza. Pero a Unión Europea, que quere apostar por un modelo de descarbonización e dunha maneira acelerada, vai beneficiar a localidades como As Pontes, que ten todos os condicionantes para ser a capital do almacenamento enerxético, non só con hidróxeno, tamén con outras enerxías máis maduras que xa están no mercado. 

Fin do carbón
Endesa négase a que a térmica continúe, o que nos debe ilusionar é a busca de alternativas. O futuro é a diversificación

A planta de Ence, descartada? 
Si, non porque o Concello non queira, pero o que Ence transmite en público e privado é que non ten intención de trasladar esta planta sen axudas moi cuantiosas. E non é doado. Pero hai algún proxecto, incluso máis interesante para As Pontes, tamén vinculado ao sector forestal. As Pontes é un serio aspirante a algúns dos proxectos tractores que a Xunta enumera. Xa para empezar, o anuncio do presidente da Xunta de que As Pontes será, na miña opinión, consolidarase, como polo enerxético de Galicia e do Estado. 

O problema é a necesidade de chan industrial. En que punto está? 
Avanzando enormemente, coa Xunta e con Endesa, que está dando facilidades para a transformación de chan industrial, como na Balsa, e está favorecendo a instalación de solo industrial en extensións moito maiores para captar proxectos moito maiores. Aínda hai algunhas parcelas de medio tamaño nos Airíos. A interlocución que temos con varias decenas de aspirantes para proxectos pequenos, moi pequenos, medianos e moi moi grandes fai que sexamos optimistas e que recoñezamos que somos un enclave de espírito industrial que non soen atopar os interesados en buscar alternativas de localización. 

A Xunta propón un gran plan para salvagardar Ferrol, Eume e Ortegal. Que opina? 
Todo o que sexa pactar por un territorio, sempre que sexan medidas concretas, é algo que temos que compartir. A Deputación xa confirmou que nese pacto sempre vai estar e xa asistimos a dúas reunións. Pero o movemento demóstrase andando. E cos indicadores duros desta comarca, ten que ter unha consideración específica, especial, por parte do Goberno autonómico e do Estado. 

A nivel local, que papel xoga o lago no futuro pontés? 
É un complemento importante deste carácter industrial e emprendedor. O lago de por si está tendo unha vida propia, que estamos acompañando con reformas e implementación de equipamentos, o próximo mes abriremos un novo tramo da Senda da Memoria... Pero o lago ten tamén reservado un papel enerxético clarísimo, que ten que ser compatible cos distintos usos.


"Nin non, nin si. Non toca falar agora da secretaría do PSdeG"
Valentín González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZOptará á secretaría do PSdeG? 
Estamos centrados na xestión, xa non da pandemia, e menos mal, senón na xestión da pospandemia, que é unha fase moito máis ilusionante e tamén moi esixente. Temos que estar concentrados no deseño das medidas que acompañan esta revolución que vén de fondos europeos e que está a esixir que sexamos quen de organizar grupos de traballo e todos os equipos na Deputación, e no propio Concello, para a captación de fondos europeos con sentido, con vocación de ser solución dos problemas que supoñen os retos do futuro. Agora non toca falar de temas orgánicos, creo que non tería sentido e o respectuoso cos compañeiros e coas compañeiras e coa propia sociedade é falar de isto cando toque e se convoque o proceso orgánico.

Non é un non radical. 
Nin non, nin si. Creo que a contestación é moi esclarecedora. 

Moléstalle que o seu nome apareza continuamente en quinielas xunto a outros? 
Non, é lóxico. Tanto no ámbito xornalístico como no dos que teñen interese pola política loxicamente enriba da mesa sempre están eses nomes de persoas que teñen responsabilidades e que están nese mundo de decisión política. É o máis normal. 

Lévase ben con Gonzalo Caballero? A vostede nunca o visita o actual líder socialista galego... 
Lévome perfectamente ben con Gonzalo Caballero. E falamos dos problemas das Pontes con frecuencia. 

Houbo un cambio de rumbo no PSdeG tras o mal resultado nas eleccións autonómicas? 
A análise fíxose no comité provincial correspondente o día despois das eleccións autonómicas, onde xa manifestamos a postura dos compañeiros e das compañeiras da provincia da Coruña. Esa foi a fase de avaliación das autonómicas e a sociedade tamén fixo unha valoración nas urnas. E tocará no proceso orgánico que se abra volver reflexionar sobre os diferentes retos electorais que o PSdeG non ten superado e que loxicamente haberá que valorar. 

Como interpreta os resultados das eleccións de Madrid e o mal resultado tamén do PSOE? Pódense extrapolar ou non? 
Non. Madrid, como todos os territorios, ten claves propias e polo tanto non se poden extrapolar. 

José Ramón Gómez Besteiro quedou libre da súa principal imputación. Manteñen contacto fluído? Como é a relación? 
Como con outros compañeiros e compañeiras do partido, seguimos mantendo contacto e é unha persoa que eu aprecio no persoal. Sufriu unha persecución creo que inxustísima e, en calquera caso, seguimos mantendo relación persoal. 

Vese con el en política? 
Mantemos relación persoal, é un compañeiro de partido, como outros, sen máis. 

Como interpreta o nomeamento de José Miñones como delegado do Goberno? 
É unha decisión persoal do presidente do Goberno, da cal me alegro por ser unha aposta polo ámbito municipal da provincia da Coruña, por ser unha persoa que ten coñecemento do noso medio municipal e, en calquera caso, sen máis interpretacións que a capacidade que ten o presidente do Goberno de tomar este tipo de decisión.


"Ir en bici na vila é o mellor método para ver o que hai que arranxar"

Como viviu a pandemia? 
En tres etapas. A primeira de incerteza absoluta, pola familia, a miña vila, os veciños que viven sós e cos que intentamos estar permanentemente en contacto... Unha segunda de normalidade, coas incertezas máis controladas, coa posibilidade de obter a vacina, onde os servizos públicos reaccionaron, o Goberno tomou as rendas, a Xunta... e demostrouse que o país, o mundo, tiña capacidade para convivir con este escenario. E unha terceira xa máis emocionante coa vacina, que permite empezar a falar de recuperación económica, de proxectos de expansión... Falar de futuro. 

Comezou con clases de guitarra? De onde saca o tempo e que canción podería tocar? 
Knockin’ on heaven’s door, de Dylan, con moita dificultade. Creo que renuncio a aprender moitas máis, só me queda roubarlle á familia o pouco tempo que teño. 

Cal será a primeira viaxe? 
Gozar do meu contorno, sen ter que vixiar se tes máscara, se se achega alguén... Vai ser o mellor desfrute sen ter que viaxar a ningún lado. 

É moi de bici. O mellor paseo? 
Encántame ir en bici pola rúas da vila, é o mellor método para en tempo récord ver onde hai un defecto que arranxar e poder saudar aos 10.000 habitantes. Sen esquecer a Senda da Memoria, cando hai tempo e forzas é marabillosa. 

Como cambiaron as redes a política? O comentario de bar é unha etiqueta de Facebook? 
Crean unha realidade artificial, hai baleiros, xente que prefire opinar noutros ámbitos. Emprégoas para dar a coñecer realidades das Pontes, do ámbito empresarial, cultural, deportivo... Hai que relativizalas. Non son termómetro o suficientemente relevante para dirixir decisións. Pesa moito máis a relación directa que a efervescencia dun ‘like’. 

É afeccionado á Segunda Guerra Mundial. 
É un período apaixonante. Vimos o peor que pode xerar a raza humana, pero tamén o carácter libertario de moitas nacións que se uniron para liberar dese xugo nazi toda a sociedade mundial. Tamén a Guerra Civil. Ese período tan traumático en España é unha escola de aprendizaxe e, sobre todo, o desenlace e o que supuxo de atraso para un país que viviu 40 anos de longa noite de pedra.

"As Pontes é un aspirante serio a proxectos tractores da Xunta e...
Comentarios